O comité de empresa e o comité de seguridade e saúde da limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo alertaron este mércores de que o servizo se atopa “ao borde do colapso” tras o contaxio de varios traballadores, ata o punto de que “xa se está a descoidar a limpeza das zonas comúns do centro sanitario”.
A representación do cadro de persoal denuncia que a compañía que leva a limpeza, Acciona, “ocultou que unha persoa estaba infectada e non solicitou as probas para outra con sospeitas”, polo que agora xa son seis os afectados, todos eles membros do comité de empresa.
Segundo informa a CIG, que preside ese comité, unha traballadora do servizo que podería dar positivo pediulle á empresa que lle fixera as probas. “Como dous días despois non lle daban os resultados chamamos a Medicina Preventiva, e cal foi a nosa sorpresa cando nos din que ninguén solicitara as probas, polo que esta persoa estivo catro días a traballar sen parar ata que este mércores pola mañá se coñeceu que era positivo, polo que puido contaxiar na súa casa e a moita máis xente”, relata o sindicato.
A representación laboral tamén critica a “falta de previsión” de medios coordinados dende que empezou a crise sanitaria provocada polo Covid-19. “Dende o minuto un fomos conscientes da necesidade de preparar o noso persoal para que tivera procedementos apropiados de limpeza e protección, e ante a falta de protocolos adaptados ó noso traballo de limpeza e recollida de residuos tomamos a iniciativa de elaboralos e contrastalos co departamento de Medicina Preventiva”, sinalan.
Ao mesmo tempo, censuran que ao tratarse dun centro sanitario, no que o traballo é unha cadea, “de nada valeu que nós tivésemos procedementos, xa que non había coordinación con todo o persoal sanitario; consecuentemente, levamos tres semanas sufrindo peticións de servizo moitas veces con falta de criterio unificado e razoable, sobrecargando todas as quendas de traballo e, incluso, expoñéndonos e usando recursos sen necesidade, por falta de información”.
A CIG sinala que a empresa fixo unha primeira contratación de persoal que xa é “insuficiente”. Isto provoca que a día de hoxe “se estean a descoidar” as limpezas das zonas comúns, como vestiarios, salas de lecer, ascensores, urxencias, etc. Asemade, “cremos que non se están a dar indicacións coordinadas e efectivas entre o persoal para evitar contaxios intercentros”.
A Xerencia pide un informe e descarta o colapso
Pola súa banda, a Xerencia do Chuvi trasladou esta denuncia a Acciona, a quen solicitou un informe. Con todo, sostén que non existe tal colapso xa que hai 6 persoas infectadas dentro dun coletivo de 200.
A dirección asegura tamén que a unidade de Medicina Preventiva informou directamente a cada traballador dos resultados do test. Ademais, salienta que a empresa incrementou o número de empregados e substituíu as baixas para reforzar o servizo nestes momentos.