Editorial Elvira convocou este xoves a sétima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, nunha edición moi especial dado o momento. Por ese motivo o editor Xabier Romero anunciou que «neste mal soño no que nos atopamos e que afecta de forma especial os nosos maiores, dende a Editorial Elvira vaise poñer en marcha o proxecto Lemos convosco, co que iremos polas residencias e centros de maiores a ler con eles o libro Relatos na Rúa e compartir grandes momentos».
Romero apunta que agora, cando os maiores son os máis afectados, é cando «temos que estar máis pendentes que nunca deles». Así, ademais deste proxecto no que trata de implicar a autores de relatos, xente da editorial e xente voluntaria, seguirá buscando máis ideas para poñer en marcha. Tampocou esquece á Fundación Igual Arte, coa que a Editorial Elvira colabora por terceiro ano consecutivo.
O responsable da Editorial Elvira espera que a convocatoria de Vigo Histórico sexa tamén unha válvula de escape: «É un momento para falar, para escribir, para que botemos fóra as novas inquietudes que temos. Esperemos que todo isto pase pronto, e mentres tanto os invito a seguir creando, escribindo, pelexando para que con graos de area formemos un gran celeiro, co fin de que as cousas comecen a cambiar de verdade, que esta crise non sexa como a pasada, na que coma sempre, pagaron os mesmos», sinalou.
O concurso
O prazo para a recepción dos traballos comezará este 27 de marzo e finalizará o 1 de xullo. O xurado contará cunha nova integrante, que será María Lado, e que se suma ao grupo formado por José Luís Mateo Álvarez, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, a escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido; o editor Bieito Ledo; a filóloga e mestra Concepción Varela Portela; o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira; a xornalista Noelia Otero Lago, e o profesor e escritor Julio Alonso, tamén colaborador de VIGOÉ. O xurado dará a coñecer os gañadores entre os días 30 de setembro e 8 de outubro e a finais de ano realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa VII (cos relatos premiados e unha selección dos que máis teñen gustado).
O tema do relato será libre, pero, como en anos anteriores, Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso onde se salienta que: «a cidade ten que ser parte transcendental do relato, un elemento destacado, como o son as personaxes ou a trama. O incumprimento deste punto invalida a participación no certame». Admitirase un único texto por autor/a, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á seguinte dirección: certamenvigohistorico@gmail.com.
Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador/a, un segundo premio de 500 e ata 4 accésits de 200 euros cada un. As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira.