A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de confirmar a desaparición dun punto de vertido de augas residuais sen depurar á ría de Vigo na zona de baño da praia de Sobreira, na parroquia de San Miguel de Oia.
Os técnicos da Xunta localizaran hai meses un vertido en condicións inadecuadas baixo o paseo que une as praias da Buraca e Sobreira, constatando a presenza de contaminación a través do análise da mostraxe efectuada no caudal que emitía a tubaxe de descarga. Así, os inspectores de Augas de Galicia notificaron os feitos ao Concello de Vigo para que adoptase as medidas oportunas.
Nunha recente inspección xirada á zona, o persoal da Xunta comprobou a corrección dos aportes contaminantes procedentes dunha conexión irregular de augas residuais procedente dunha vivenda unifamiliar localizada na rúa Arquitecto Antonio Cominges, que xa foi derivada á rede de saneamento municipal.
Deste xeito, os técnicos de Augas de Galicia verificaron que as actuacións realizadas permitiron eliminar a contaminación asociada ao vertido cara o Domino Público Marítimo Terrestre que afectaba ás zonas de baño.
Esta actuación forma parte das tarefas de inspección realizadas no marco do Plan de Control de Vertidos, unha ferramenta esencial para conseguir a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa.