A Deputación de Pontevedra está a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria á provincia das e dos estudantes que estaban a desenvolver as súas mobilidades en cidades europeas, e que solicitaron á volta ao país pola crise xerada polo Covid-19. Trátase de alumnas e alumnos de centros de Formación Profesional da provincia de Pontevedra que, desde hai uns meses, están a realizar as súas prácticas en empresas e centros de investigación de distintos países europeos coas bolsas do programa da Deputación Practicum Depo.
Ata o momento só seis estudantes decidiron retornar á provincia do total de 35 alumnas e alumnos. Os dous últimos chegaron aos seus domicilios onte á noite, procedentes das cidades italianas de Venecia e Verona. Os outros catro estudantes retornados e retornadas desenvolvían a súa labor en Italia (2), en Portugal (1) e en Irlanda (1). As 29 bolseiras e bolseiros restantes decidiron de momento manter as súas estadías. Once seguen en cidades de Italia, seis en Portugal, catro en Malta, dous en Finlandia e seis en Irlanda.
Estas alumnas e alumnos estudan nos seus centros de FP da provincia ciclos medios de Conservación de medio natural, Producción agroecolóxica, Telecomunicacións, Actividades Comerciais, Electromecánica, Acuicultura, Actividades Físico-Deportivas, Xestión Administrativa, Sistemas Microinformáticos e Redes, Coidados de Enfermería, Xardinería e Florería, ou Instalacións Eléctricas e Automáticas.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o “agradecemento a todas e a todos os estudantes porque nos están a dar unha lección de serenidade e responsabilidade, ao igual que ás súas familias a pesar das dificultades lóxicas que estamos atravesando”. Silva salientou tamén “a información puntual e diaria que está a dar o Goberno de España e o esforzo que está a facer para facilitar o retorno”.
O proceso de repatriación voluntaria está a ser coordinado pola Deputación co Goberno de España ao través do Ministerio de Exteriores e o de Universidades que están a organizar os voos e a garantir a seguridade e a protección de todos os participantes nestas bolsas europeas. Desde o inicio da crise sanitaria, a institución provincial co Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), están a manter o contacto e seguimento diario do alumnado a quen, amais, se lles transmite toda a información puntual das medidas de contención en cada país europeo así como a organización das repatriacións para facilitar a volta daquelas e daqueles estudantes que así o requiran.