O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) participará no estudo nacional ‘Amadiich’, que se pon en marcha para analizar a incidencia do coronavirus Covid-19 nos profesionais sanitarios e non sanitarios que traballan nos hospitais.
O informe baséase na utilización da aplicación para smartphones HepiTracker (dispoñible para Android e iOS). A ferramenta permite aos traballadores rexistrar diariamente nuns segundos unha serie de campos relacionados co seu traballo ou exposición e cos síntomas compatibles con Covid-19, ademais da temperatura corporal, cada mañá. Tamén se introducirán os resultados dos test da PCR para coronavirus, realizados en cada centro.
Cada 24 horas xeraranse informes anónimos e automáticos indicando os grupos con cambios nos síntomas, diagnósticos de sospeita ou confirmación, de forma global e personalizados para cada departamento ou servizo do hospital, así como unha descrición epidemiolóxica.
Os datos enviaranse á xerencia, ao servizo de medicina preventiva e a saúde laboral a través do responsable médico de cada centro. Nos hospitais do Chuvi, Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, o responsable será o xefe de servizo de Pneumoloxía, Alberto Fernández Villar.
A duración do estudo estímase en seis meses, ou ben ata a data en que se considere finalizado o actual brote do Covid-19, de producirse este feito prodúcese con anterioridade.
O xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, enviou este luns unha carta a todos os traballadores dos centros hospitalarios do Chuvi, animándolles a participar no estudo.
Cinco complexos hospitalarios en España
Coordinado desde o Hospital da Princesa, o Estudo de Monitoraxe Activa e Determinantes de Infección Incidente de Covid-19 en Poboación Hospitalaria (Amadiich, polas súas siglas en inglés) vaise iniciar de forma inmediata en cinco complexos hospitalarios do Sistema Nacional de Saúde, todos en diferentes zonas xeográficas e en distintas fases de desenvolvemento da pandemia por coronavirus.
Así, na fase alta da pandemia será o Hospital da Princesa; na intermedia, o Hospital ICO-Hospitalet, en Barcelona; e na fase de incidencia baixa, serán o Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo e o Hospital Lucus Augusti en Lugo, xunto co Hospital Can Misses en Eivissa e Hospìtal de Alta Resolución de Loja en Granada.
Un estudo similar para Atención Primaria
A idea de realizar esta investigación xurdiu en canto se constatou que a frecuencia de infección en traballadores hospitalarios, sanitarios e non sanitarios, era máis elevada que na poboación xeral, o que provocou que para o Servizo Galego de Saúde e a sociedade en xeral, a adecuada protección deste colectivo sexa esencial, e así superar esta crise e diminuír o impacto socioeconómico da enfermidade.
Aínda que o estudo que agora se inicia está circunscrito a traballadores que prestan os seus servizos nos hospitais, xa se está traballando noutro programa similar para os profesionais, sanitarios e non sanitarios, de Atención Primaria.