Co gallo do Día do Libro, que se conmemora o xoves 23 de abril, o Concello de Vigo colaborará coa Asociación Vigo Gastronómico e coa Editorial Galaxia na campaña ‘Comercultura’, que levará este mércores a domicilios vigueses máis de 500 libros.
Esta iniciativa distribuirá, xunto coa comida social que se leva a casa das persoas que o precisan, exemplares de ‘A Batalla de Rande’, con mapas e gravados, de Román Pereiro publicado pola Editorial Galaxia e cedidos pola entidade. O Concello asume a loxística, o transporte e o reparto en cada domicilio e, ademais, “levaremos libros infantís dentro deste proxecto ao Fogar San José-Casa de la Caridad”, informou Abel Caballero este martes.
‘Comercultura’ xurde a proposta da Asociación Vigo Gastronómico, que nace na cidade durante esta crise e acolle 18 restaurantes: Lume de Carozo, The Othilio Bar, Melitön bocadillerías, Mijo minibar, Niño Corvo cociña sen vergoña, María Manuela food and drink, La Contenta comes y bebes, Kero cocina peruana, Pintxoteca mar, La Pintxoteca, La Sidrería Pintxoteca, Purosushi restaurante japonés, O Croque cociña, La Carpintería Gastrobar restaurante, El taller de La Carpintería, La central, La Trastienda del Cuatro e o restaurante italiano Nero.
Axudas á cultura
Ademais, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar subvencións por valor de 98.500 euros que recibirán diferentes entidades culturais da cidade. Ártica CB recibirá 4.000 euros para o financiamento do programa de artes escénicas 2019-2020, a Asociación Galega de Instrumentos de Corda, 9.000 euros para o oitavo Concurso de Instrumentos de Corda Cidade de Vigo, 37.000 euros irán destinados ao convenio co Instituto de Estudos Vigueses para o seu programa de actividades, 27.500 euros dedicaranse á sinatura do convenio coa Fundación Coral Casablanca e 21.000 euros ao convenio coa Orquesta Clásica de Vigo.
O alcalde avanzou que “continuaremos co programa de axuda á cultura da cidade tratando de buscar fórmulas para seguir apoiando e fórmulas imaxinativas nos casos nos que non sexa posible”.
Emerxencia
Por outra banda, o Concello de Vigo xa concedeu desde o inicio da crise sanitaria un total de 4.232 axudas de emerxencia. “Aumentaron este mes un 200% e para a atención social non hai límite orzamentario”, sinalou Caballero.
Respecto ás tarxetas de alimentos xa son un total de 800 e ademais repártense 600 menús diarios.