Traballar conxuntamente co sector na creación dunha marca propia do audiovisual da provincia e instar ás administracións competentes como a Xunta de Galicia para o deseño dun Plan Estratéxico foron compromisos anunciados este martes pola Deputación de Pontevedra na primeira reunión que, de forma telemática, mantivo a presidenta Carmela Silva cos representantes da Asociación Proxecta, que agrupa aos principais festivais de cine da provincia (Cans, Play-Doc, FIC Bueu, Novos Cinemas, Curtas Film Fest, Festival de Curtas Armadiña, Primavera do Cine, Cine Inclusivo e Galician Freaky Film Festival).
Silva coincidiu cos voceiros da plataforma na necesidade de deseñar un novo modelo que estimule a colaboración público-privada, pero tamén a relación pública-pública cun maior entendemento entre as administracións á hora de elaborar guías, protocolos de actuación, ou no deseño dun plan estratéxico que se elabore pola Xunta de Galicia e no que participaría o sector e o resto das administracións como as deputacións.
“Hai moitas cuestións nas que necesitamos unha maior coordinación, eu son das que penso que debe deseñarse unha estratexia dende o global e logo aplicar as solucións concretas dende o local”. “Se non tomamos decisións agora”, continuou, “podemos ir á desaparición dalgúns proxectos nos que se leva traballando moito tempo para consolidarse”. “Eu estou preocupada e ocupada”, resaltou, “pero farei o posible para que non caia ningunha estrutura de acción cultural na provincia”. Neste senso defendeu a harmonización das subvencións culturais, cunhas bases similares entre tódalas administracións, “para que todos saibamos como e onde nos movemos”.
Respecto á creación dunha marca propia do audiovisual, suporía incluír aos festivais de cine no relato provincial como “un potente instrumento que supón crecemento económico, emprego e unha diferenciación da nosa provincia”. Nese senso, a presidenta confirmou que a Deputación seguirá ao lado do sector nesta crise sociosanitaria causada pola pandemia de Covid-19, que mantén moitas incertezas respecto á celebración destes eventos. Por iso, avanzou que “faremos todos os esforzos para que os festivais de cine poidan celebrarse”, comprometeu que a financiación vaise manter, e animou ás promotoras a que soliciten as axudas cuxo prazo xa está aberto e que se fará efectivo unha vez se levante o Estado de Alarma. “A cultura ten que ser un sector estratéxico na saída da crise e temos que axudar a manter as estruturas culturais”.
Por elo, a presidenta comprometeuse a avanzar tamén nun novo instrumento de colaboración co sector, unha estrutura de traballo, que sirva ao desenvolvemento do sector na provincia, na que a Deputación financia ata nove festivais de cine cun investimento de 130.000 euros, “unha cantidade de recursos moi importante que, amais, incrementamos case nun 50% desde que chegamos a esta institución, e máis importante aínda se o comparamos cos recursos que destinan outras administracións como a Xunta, cun orzamento moito maior”.
Flexibilizar as axudas
Carmela Silva tamén anunciou que “se traballará na maior flexibilización posible das bases das axudas”, aínda que tamén concordou co sector en que “temos que poñer a cabeza a pensar en como reorientar ou reinventar algúns dos eventos que poidan verse afectados”. Amais, transmitiu que a institución poderá realizar o anticipo do 50% das axudas que se soliciten, e que no caso de que algún dos festivais non se poda facer será a Deputación quen financie os gastos feitos. Tamén, en canto o requisito do número de anos consecutivos para poder acceder ás achegas do vindeiro ano, o ano 2020 non será contabilizado. Igualmente, a presidenta confirmou que avaliará xunto aos concellos a posibilidade de implantar medidas que poidan ser esixidas nos futuros protocolos de seguridade, desinfección ou hixiene nos recintos dos festivais.
O apoio da Deputación aos festivais de cine da provincia canalizouse o ano pasado en achegas aos eventos de Cans (O Porriño), Play-Doc (Tui), FIC Bueu, Novos Cinemas (Pontevedra), Curtas Film Fest (Vilagarcía de Arousa), Festival de Curtas Armadiña (Poio) e os dous grandes certames vigueses, é dicir o Festival Primavera do Cine e o Festival Internacional de Cine Inclusivo. Á convocatoria das subvencións deste ano 2020 xa se presentou tamén o vigués Galician Freaky Film Festival, polo que serán nove os grandes eventos con financiamento provincial.