A Xunta de Galicia entregou este luns 4.000 mascarillas dirixidas a menores de entre 2 e 14 anos que as 141 oficinas farmacéuticas de Vigo – a razón de 28 unidades por botica- encargaranse de distribuír de balde entre as familias que así o soliciten.
Esta partida súmase ás 3.000 mascarillas infantís que este pasado fin de semana foron xa entregadas por Cáritas ás parroquia. O secretario xeral de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, José Antonio García, manifestou a súa intención de seguir colaborando en todas as medidas que logren poñer freo á extensión do virus.
Estas 7.000 unidades dirixidas agora aos máis pequenos foron confeccionadas pola rede de costura formada por 300 voluntarios, principalmente de Vigo pero tamén da área, que durante as últimas semanas xa proporcionaron unha partida superior ás 100.000 máscaras en tamaño adulto (repartidas entre colectivos sociais, centros de discapacidade, supermercados, mensaxeiros, transportistas, taxistas…) co material doado por distintas empresas.
Nas vindeiras semanas a rede estima que poderá alcanzar una produción de outras 50.000 para os máis pequenos, que serán distribuídas baixo o mesmo criterio marcado pola Delegación Territorial da Xunta en Vigo, encargada da súa loxística, entre as farmacias e as parroquias a través de Cáritas sempre de balde.
Confeccionadas en telas con motivos infantís e capa de poliéster -que é a que aporta a protección-, están hixienizadas con ozono e contan coa validación de protección para o seu uso con todas as garantías. Son lavables e, en consecuencia, reutilizables.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, presidiu o acto de entrega no que estiveron presentes a presidenta e o vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos da provincia da Pontevedra, Alba Soutelo e Ignacio Sánchez, o director de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Eugenio Gozalo Davila, e o seu secretario xeral, José Antonio García, así como o delegado episcopal de acción social, Javier Alonso.