O Consello de Goberno da Universidade de Vigo decidiu non desbotar a posibilidade de que os centros poidan realizar exames de segunda oportunidade, ou finais da convocatoria de xullo, de xeito presencial a partir do mes de xuño. Acordado que os exames do segundo cuadrimestre sexan non presenciais, foi preciso un longo debate e unha votación, para que con 39 votos a favor se decidise optar, no caso dos exames finais, por deixar aberta unha porta á posibilidade de que os centros poidan solicitar esta modalidade, que será aprobada ou non polo Consello de Goberno. Fronte aos 39 votos que apoiaron a posibilidade de realizar exames presenciais, sempre e cando se cumpran por parte dos centros solicitantes as garantías legais e sanitarias, oito membros do Consello pronunciáronse a favor de rematar o curso sen exames finais presenciais.
Este foi un dos acordos adoptados nunha sesión de sete horas na que o outro punto da orde do día que máis debate concentrou foi a aprobación dunha versión propia da cláusula Kent, que ten a finalidade de introducir unha “compensación” no caso de detectarse unha diminución significativa nos resultados académicos do alumnado correspondentes ao período de vixencia do estado de alarma e os correspondentes aos cursos anteriores. Aínda que o Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi) defendía ao inicio do debate o modelo adoptado nas outras dúas universidades galegas, finalmente apoiou a proposta do equipo de goberno e na que se incorporaron achegas formuladas no debate, e que tamén foi aprobada por asentimento polo resto de membros do órgano de goberno. Non obstante, o voceiro de Ceuvi, Daniel Couto, avanzou a súa intención de trasladar este acordo á Consellería de Educación e mesmo a instancias xudiciais ante a posibilidade de que puidese resultar discriminatorio para o alumnado da institución académica viguesa.
Na sesión celebrada este mércores, de xeito totalmente virtual, tamén se aprobou modificar o calendario académico do presente curso, ampliándoo en dúas semanas para a entrega de actas de xuño e xullo, ao tempo que se acordou que o equipo e goberno consultará a posibilidade de incluír a convocatoria fin de carreira nos estudos de mestrado. Os membros do Consello tamén deron luz verde ao calendario do vindeiro curso 2020-2021, que comprenderá do 1 de setembro do 2020 ao 31de agosto 2021, desenvolvéndose a actividade académica entre o 7 de setembro e o 26 de xaneiro de 2021 e do 27 de xaneiro ao 8 de xuño. A suspensión parcial da normativa de permanencia, para que non se apliquen os artigos 5 e 8, cara ao procedemento de matrícula do vindeiro curso e así “evitar que ninguén perda da posibilidade de seguir os estudos por mor da crise”, como dixo o reitor, foi outra cuestión aprobada polo Consello de Goberno, no que tamén se presentou o Informe de Responsabilidade Social do ano 2018.
A avaliación non presencial a debate
No marco dun conxunto de actuacións previstas cara ao remate do curso ante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, moitas delas xa recollidas no Manual de urxencia para a docencia e a avaliación durante a COVID-19, o Consello de Goberno referendou cuestións como que cada centro poderá modificar o calendario de exames aprobado para cada unha das convocatorias pendentes do curso 2019/20 para adaptalo ao recollido nas modificacións que se efectúen nas guías docentes; así como outras relativas á realización das probas na contorna virtual coas debidas garantías; as garantías na revisión da probas ou a defensa dos traballos de fin de estudos e as prácticas en institucións e empresas, asunto este último sobre o que reitor volveu reiterar a “máxima flexibilidade e posibilidade de ler o TFG ou o TFM sen ter rematadas as prácticas”.
A presencialidade nos exames finais da convocatoria de xullo foi a cuestión que xerou o primeiro dos dous grandes debates. Tras reiterarse que as probas de avaliación do segundo cuadrimestre non serán presenciais, a posibilidade de que no caso dos exames finais da convocatoria de xullo, se se dan as garantías legais e sanitarias necesarias a partir do 1 de xuño, os centros poidan solicitalo, centrou as intervencións dos e das defensoras e detractores desta medida. Así, se no primeiro caso, docentes como Jacobo Porteiro e Eva María Lantarón defenderon a presencialidade “porque é o futuro que vén e temos que a adaptarnos”, outros membros do Consello como o voceiro de Ceuvi, Daniel Couto, avogaron pola non presencialidade. Pola súa banda, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, incidiu en que “non se pode obrigar a ningún docente a facer exames presenciais, aínda que así o decida o centro”.
Finalmente, con 39 votos a favor, o Consello aprobou que as probas de segunda oportunidade se programarán para a súa realización de xeito presencial e a finais de maio, en base a criterios sanitarios, previo informe do Servizo de Prevención de Riscos Laborais, a Reitoría, indicará que posibilidade existe de facer un certo número de exames presenciais. Nese caso, o centro que desexe pasar exames á modalidade presencial, poderá solicitalo, sempre cumprindo aquelas garantías que se lle solicite. “A decisión final tomaraa o Consello de Goberno, convocado para avaliar a oportunidade de pasar a modelo presencial os exames solicitados polos centros”, engadiu o reitor, que tamén explicou que a Reitoría emitirá un informe previo sobre as posibilidades técnicas de cumprir os requirimentos legais.
Unha versión de seu da cláusula Kent
Aínda que o debate neste punto arrancou con dúas propostas diferentes, unha defendida polo equipo de goberno e a que lle incorporaron achegas xurdidas no debate, e outra por Ceuvi, finalmente o Consello de Estudantes asumiu os argumentos do equipo reitoral. Unha proposta “só para materias nas que haxa unha caída importante da nota, centralizada e automatizable”, asegurou o reitor, que a contrapuxo á adoptada na USC e na UDC, que asegura, “presentan dificultades no relato e na aplicación”. No debate previo, Daniel Couto incidiu na conveniencia de que se aplicasen as mesmas medidas nas tres universidades do SUG “para evitar desigualdades e que non esteamos en desvantaxe”. Pola súa banda, o director da EE Industrial lamentou que se presupoña que a avaliación non vai ser xusta e “que cómpre protexerse”, ao tempo que insistiu en que non se poden devaluar as titulacións. “Debemos ser éticos e responsables”, dixo Pardo Froján, mentres que Daniel Couto insistiu en que “cómpre ter mecanismos de corrección nunha situación así”, ao tempo que defendeu a súa legalidade.
Finalmente o Consello aprobou a proposta do equipo de goberno á que se lle incorporaron suxestión realizadas ao longo do debate e que sinala que no caso de que se detecte unha diminución significativa entre os resultados académicos correspondentes ao período de vixencia do estado de alarma e os correspondentes a cursos anteriores nalgunha materia, e que puideran considerarse atribuíbles á situación xerada polo tránsito á docencia virtual, procederase a subir as cualificacións ata acadar unha situación semellante a cursos anteriores. A tal efecto consideraranse que os resultados son significativamente distintos cando á media dos cinco cursos anteriores menos dúas veces a desviación típica ou cando a porcentaxe de estudantes que aproben con respecto ao número total de alumnos sexa inferior á media dos cinco cursos anteriores menos dúas veces a desviación típica deste parámetro. “Esta é unha situación excepcional e creo que debe haber unha rede de seguridade e a nosa é unha proposta defendible”, asegurou Reigosa. Pola súa banda, Daniel Couto, tras confirmar o seu apoio á proposta do equipo de goberno, avanzou a súa intención de trasladala á Xunta e mesmo á vía xudicial ante posibilidade de que poida resultar un agravio comparativo, respecto da UDC e da USC, para o alumnado da Universidade de Vigo.