Abel Caballero apoiou este xoves ao Goberno de España na tese de que as provincias representan o mellor criterio territorial para afrontar a desescalada. Ao seu xuízo, non tería sentido separar Vigo e Pontevedra dada a proximidade xeográfica e tendo en conta ademais a unión sociolóxica e económica que existe.
Aínda que se poidan ter en conta as áreas sanitarias como defende a Xunta de Galicia, a división provincial permitiría, desde o seu punto de vista, unha maior mobilidade dentro do territorio. Neste sentido, mencionou algúns casos nos que persoas de Pontevedra traballan en Vigo e viceversa.
Respecto do establecemento de franxas horarias para saír a rúa nesta chamada Fase 0, Caballero recoñeceu que por cuestións xurídicas estas decisións só as pode asumir o ministro de Sanidade e lamentou que non poidan ser as corporacións municipais as que tomen esas determinacións dado que as circunstancias poden ser moi diferentes en cada localidade.
Benestar Social
Ademais, na habitual rolda de prensa telemática, Caballero avanzou que o Concello de Vigo aprobou este mércores outras 38 axudas de emerxencia por valor de case 15.000 euros, o que eleva a cifra total de axudas a 4.982, cun importe económico superior ao medio millón de euros. Este xoves, ademais, repartiranse 620.
Respecto da situación dos aloxamentos para persoas sen fogar, no albergue municipal durmiron 29 persoas; 38 na Fundación Santa Cruz; 34 en pensións e hostais e 50 no pavillón do Berbés.