O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, xunto coa equipa de Novas Tecnoloxías, están a finalizar o traballo de renovación da súa web oficial. O portal terá seis seccións que explicarán o traballo das áreas de Arquivo, Biblioteca, Audiovisual, Cartoteca e Editorial, incorporándose como novidade un apartado destinado á Memoria Histórica, un dos eixos de goberno que se queren potenciar neste mandato.
Segundo explica a deputada responsable de Patrimonio, María Ortega, a renovación da actual páxina (arquivos.depo.gal) era moi necesaria xa que a súa estrutura non permitía poñer en valor o inxente traballo realizado no departamento. O obxectivo é que nas vindeiras semanas a web poida estar xa aberta ao público e así facilitar o acceso a milleiros de referencias, recursos, catálogos dunha maneira moito máis intuitiva e visual, con apartados para destacar novidades e aspectos relevantes para as persoas usuarias.
“Estamos nun momento, co confinamento debido á emerxencia sanitaria, no que se teñen multiplicado as visitas á nosa web. Entendemos que os contidos e as novidades que imos reseñando están a ter moi boa acollida, polo que a pesares de que se leva traballado na web moitos meses, é o momento no que tamén se debe dar un pulo e darlle unha nova apariencia e estrutura máis acaída cos tempos actuais”, subliñou a deputada nacionalista. Esta nova web, de feito, servirá de completemento ao recén estreado buscador AtoPO, que reúne os fondos documentais, bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Arquivo Provincial, o Museo e outras institucións municipais e entidades da provincia.
Ademais do desenvolvemento informático, como principais impulsores dos contidos das seccións na web están a traballar os responsables do Arquivo central, José Luis Castro, e do apartado de Arquivos municipais, Lourdes Pérez-Santamarina, ambos do departamento de Documental; Ernesto Trabazo como responsable da Biblioteca, José Cumbraos do departamento de Audiovisuais-gráfico-sonoro, e Beatriz de la Cruz, responsable da Cartoteca, do departamento Bibliográfico; aos que se une o persoal que traballa no ámbito da Editorial, baixo a supervisión da Xefe de Servizo Ana Vicente, e da deputada María Ortega. Nos últimos días estanse a realizar reunións telemáticas para pulir as cuestións pendientes.
Como novidade, xa que non existe actualmente na web arquivos.depo.gal, incorporarase un apartado de Memoria Histórica no que se darán a coñecer os programas desenvoltos e previstos pola Deputación para este mandato. Así, incluiranse audiovisuais, galerías fotográficas e documentacións relativas a actividades desenvolvidas como a exposición ‘Rexas, Mulleres baixo o terror franquista’ ou relativos ás Xornadas ‘Na Loita contra a impunidade’ celebradas en novembro do ano pasado. Tamén haberá un apartado de recursos, nos que se incorporarán mapas e directorios das asociacións de memoria da provincia, webs e ligazóns de interese, lexislación e normativa aplicable, así como un apartado específico para o traballo realizado sobre ‘A xeración perdida’, unha base de datos de concelleiros das corporacións republicanas que se viron afectadas polo alzamento fascista.
Artigo sobre os maios
Como é habitual, e de maneira máis periódica nesta corentena, o persoal do Servizo de Patrimonio vén de publicar na súa web un artigo que no día de hoxe está dedicado á Festa dos Maios, onde lembran as verbas sobre o seu simbolismo e significación do etnógrafo e historiador Clodio González Pérez en ‘A festa dos maios en Galicia: unha aproximación histórico-antropolóxica ó Ciclo de Maio’, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación en 1989.
Ese, explican dende o departamento, xunto con outros coma ‘Os maios: unha festa antiga e universal’, ‘A festa dos maios en Pontevedra’, ‘A festa dos maios no concello de Vilagarcía’, ‘A festa dos maios de Marín’, ‘A illa de Ons e os maios’…, son só algúns dos títulos sobre esta festividade existentes na biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, que, ademais, conta na súa sección audiovisual con abundantes documentos gráficos sobre esta celebración.
Ademais de animar a consultar unha selección desas referencias bibliográficas (dispoñibles na modalidade de préstamo e consulta) tan pronto como se renove a actividade presencial, o persoal do servizo convida a visualizar directamente algúns documentos gráficos que recollen instantáneas da celebración da Festa dos Maios en Pontevedra na década dos 60 nunha ligazón disponible dentro do artigo na web.