Máis que Auga anunciou este sábado que emprende un novo reto, coa posta en marcha do Plan Superheroe, un programa de asesoramento gratuíto para os colectivos que están a traballar en primeira liña contra o Covid-19, para que poidan manterse en forma e recuperarse física e mentalmente da súa xornada laboral. «Ofrecerémoslles un adestramento personalizado para realizar nos seus domicilios e adaptado ás súas necesidades e circunstancias particulares (polo seu tipo de traballo, necesidades físicas, medios de adestramento, etc.)», aseguran desde Máis que Auga.
A que colectivos vai dirixido? Persoal sanitario (médicos, enfermeiras, auxiliares, celadores, etc.) persoal de limpeza de hospitais e residencias, policías, bombeiros, persoal de supermercados e demais servizos de primeira necesidade. Este programa está aberto a todas as persoas que pertenza a estes colectivos, sexan socios ou non de Máis que Auga.
Como se poden inscribir? Deben contactar connosco a través da ligazón que aparece na páxina web de Máis que Auga. Realizaráselles un cuestionario para analizar a situación persoal de cada un e enviaráselles o seu plan de adestramento. Posteriormente farase un seguimento quincenal do programa, para analizar o funcionamento do mesmo e decidir se é necesario realizar cambios.
Medidas durante a crise do Covid-19
Dende que comezou a crise sanitaria do COVID-19 e o confinamento na casa, Máis que Auga emprendeu diferentes actuacións para lograr que tanto os seus socios coma o
resto da cidadanía viguesa puidese manterse en forma e entretida durante estas complicadas semanas. Así, temos unha programación de clases en directo para todos os
públicos (dende os máis pequenos aos maiores) que serán realizadas polos nosos monitores dende as súas casas.
As clases poden seguirse en directo ou en diferido, xa que unha vez realizadas pasan a formar parte do arquivo de clases gravadas, a disposición de todos os interesados na web, e que imos renovando cada semana. Tamén hai unha programación para os socios a través da APP de Máis que Auga, realiza webinars sobre diferentes temas de interese (nutricional, adestramentos, confinamento con nenos/as…), propoñen retos e xogos… «Seguimos manténdonos activos para e por os nosos abonados», conclúen.