A tramitación do ámbito urbanístico do Barrio do Cura sufre un novo revés cando parecía que avanzaba de forma definitiva. Despois de décadas de abandono o Concello de Vigo acelerou nos últimos meses o desenvolvemento da zona máis depauperada do centro da cidade, pero nas últimas horas coñeceu un novo obstáculo desde a administración autonómica.
A Xunta de Galicia informou este martes mediante un comunicado de prensa que vén de remitir ao consistorio vigués un informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural relativo á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura. No mesmo, indica que a tramitación «está fóra do marco legal» e proponse ben «continuar coa modificación puntual deixando fóra a área BIC da Zona Vella, actualmente incorporada» ou ben «facer este desenvolvemento urbanístico a través dun Plan especial».
En calquera caso a Xunta asegura que apoia o crecemento do Barrio do Cura e prevé a posibilidade de informar favorablemente a modificación puntual, coas correccións precisas. «Se se exclúe a área do Ben de Interese Cultural (BIC) Casco Vello do ámbito espacial da modificación, posto que calquera BIC precisa dun Plan especial de protección específico, tal como fixa o marco legal», indica como condicionante.
A pasada semana o Concello de Vigo anunciara que a Xerencia de Urbanismo resolvera continuar co procedemento de modificación puntual do PXOM para reordenar o Barrio do Cura declarando que «non opere a suspensión de prazos que contempla o estado de alarma neste proxecto de interese público con incidencia directa na vida da cidadanía».
Agora a Xunta alega que o Casco Vello foi declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de conxunto histórico en 2006 e conta cunha zona histórico-artística e unha zona de respecto. «Na proposta actual, o ámbito da modificación puntual para o Barrio do Cura abrangue parte de ambas zonas. Isto condiciona a súa aprobación, posto que a regulación deste espazo debe facerse, de xeito obrigatorio segundo o artigo 55 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, a través dun plan especial de protección. Instrumento de planeamento que debería ser redactado no seu caso, segundo prevé a norma legal, polo propio concello», indica no comunicado.
Nembargantes, a administración autonómica aclara que o documento da modificación puntual aprobado inicialmente non difire de xeito substantivo no que a súa afección ao patrimonio cultural se refire, do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) do Barrio do Cura, xa aprobado por Patrimonio Cultural en 2014, por canto presenta unha proposta moi semellante que mantén a ordenación de volumes e a súa incidencia no tecido da cidade histórica.
No informe remitido agora ao Concello a Xunta apunta as correccións precisas que se deben incorporar coas propostas dos servizos técnicos de Arquitectura e Arqueoloxía, de xeito que «se axilice ao máximo a aprobación definitiva».
Por último, o Goberno galego atribúe os actuais problemas de avance urbanístico no Barrio do Cura á falta de Plan Xeral, anulado por sentenza xudicial do Tribunal Supremo en 2015. «A actual complexidade é consecuencia da carencia do plan xeral», conclúe.