O Concello de Vigo anunciou este martes que o próximo 25 de maio, unha vez realizadas as labores de limpeza e desinfección, reabrirán as súas portas unha grande parte das instalacións da Rede Municipal de Museos. Así, a reapertura chegará ao Museo de Castrelos, Pinacoteca, Casa das Artes-Fundación Laxeiro, Casa Galega da Cultura e a Fundación Liste. O Marco estará aberto a partir do martes 2 de xuño, cos servizos e usos que prevé a lexislación vixente.
A normativa non permite de momento abrir as salas de lectura nin as bibliotecas a modo de salas de estudio. Proximamente comezará a funcionar a Neira Vilas pero só con servizo de préstamo de libros que, cando se devolvan, terán que permanecer en cuarentena 14 días.
O goberno local traballa tamén na apertura das pistas de atletismo e as de tenis de Samil. Estas instalacións poderían abrise a semana que vén, unha vez rematados os cursos de formación en prevención de riscos que se está a ofrecer aos responsables das mesmas.
Rexistro
O Concello abriu o rexistro presencial, previa cita a través do 010, para solicitar a Risga, pensións non contributivas, discapacidades e axudas de inclusión social. Estas son as únicas tramitacións que se poden desenvolver polo de agora no rexistro, que segue pechado para calquera outra xestión.