O Concello acolleu a 16 persoas vítimas de violencia de xénero en hoteis da cidade desde que se decretou o estado de alarma, a última delas a pasada noite, unha muller e os seus dous fillos. Mantéñense, ao mesmo tempo, dúas familias en dous pisos municipais independentes, e no Centro de Emerxencias o Concello vén de aloxar a unha muller máis.
Desde o inicio do confinamento, o servizo de atención a vítimas de violencia de xénero recibiu 358 chamadas que derivaron en 212 atencións xurídicas, 105 atencións sociais, 190, psicolóxicas, ademais de tramitar 20 axudas de emerxencia por máis de 4.000 euros.
O servizo municipal de atención a vítimas de violencia de xénero segue plenamente operativo. O Concello de Vigo anima a facer uso del a todas as mulleres que están a padecer esta situación ou a calquera persoa que coñeza un caso, máxime nunha situación de confinamento na que a convivencia pode facerse máis complicada.