A Deputación de Pontevedra xa ten en marcha as obras de adaptación dos puntos limpos dos nove concellos da provincia, integrados na Estratexia Sostible Transfronteiriza para a xestión de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (Estraee), co obxectivo de convertelos en ecocentros sobrecualificados que xestionarán o tratamento dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.
Deste xeito, e cun orzamento de 620.000 euros, estanse a impulsar reformas e construción de almacéns para RAEE nos nove concellos beneficiarios: Nigrán, Gondomar, Ponteareas, A Guarda, a Mancomunidade do Morrazo, (con servizo para Bueu, Moaña e Cangas), Silleda, Meaño, Vilagarcía e A Lama. Os traballos consisten en enlousados de formigón, estruturas metálicas e bloques de peche, así como a reutilización de elementos, instalación de iluminación, sistemas de protección contra incendios e paneis indicativos. Con este programa europeo, se seguen a espallar as estratexias sostibles de xestión de residuos da Deputación, así como a súa aposta polo medio ambiente cara a transición ecolóxica e economía circular transfronteiriza.
Pola situación xerada pola pandemia da COVID-19, o proxecto Estraee adaptou a súa estrutura á situación vixente para poder chegar ao seu fin e, así, as actuacións continúan en marcha para que este verán estean os nove ecocentros totalmente preparados e rematados. A día de hoxe é o de Meaño o que ten toda a súa estrutura finalizada, estando tamén moi avanzadas as obras en Vilagarcía e Nigrán, e en marcha nos outros concellos beneficiarios desta iniciativa.
Estraee é un proxecto que conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, o 75% de fondos da Unión Europea, que pretende dar un salto cualitativo na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos residuos. A Deputación de Pontevedra é a socia líder deste proxecto no que participan outras tres entidades españolas e dúas portuguesas con ampla experiencia na reciclaxe e innovación tecnolóxica.
Ademais da adecuación destes nove puntos limpos para convertelos en ecocentros, Estraee tamén está a desenvolver outras accións como a elaboración dun borrador de ordenanza para os concellos sobre xestión sostible dos RAEE, a análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de RAEE e a implantación da bolsa de recursos e materias primas secundarios. Todas estas iniciativas, impulsadas polo proxecto europeo, están xa en marcha e permitirán impulsar a economía circular nesta zona transfronteiriza que abrangue a provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal.