A Universidade de Vigo acordou paralizar a expedición de documentos que permitían a mobilidade entre provincias do seu alumnado á espera de que a Delegación do Goberno en Galicia manifeste expresamente a súa conformidade co acordo adoptado o pasado sábado polo Centro de Coordinación Operativa. Segundo este acordo, o estudantado matriculado nalgunha das tres universidades galegas podía desprazarse entre as catro provincias “para os efectos da recollida e desaloxo, no seu caso, dos aloxamentos contratados para o curso 2019/2020, ou a recollida de materiais nas residencias universitarias”.
No acordo adoptado polo Cecop a pasada fin de semana que permitía ás universidades do SUG expedir documentos para que o alumnado que o solicitase puidese realizar unha soa viaxe entre as provincias galegas co obxectivo de recoller ou desaloxar as vivendas contratadas para este curso e mesmo recoller materiais na súas residencias académicas, xa se recollía que o citado acordo sería trasladado á Delegación do Goberno, “para os efectos de que manifeste expresamente a súa conformidade ou non, facendo especial fincapé, tal e como se manifestou no Cecop, na necesidade de que este pronunciamento expreso teña lugar o máis axiña posible, tendo en conta a urxencia con que moitos estudantes galegos necesitarían facer os desprazamentos obxecto deste acordo”.
Ao non terse producido aínda o pronunciamento expreso por parte da Delegación do Goberno en Galicia e ante a posibilidade de que o acordo adoptado polo Cecop puidese quedar invalidado por unha norma superior, a UVigo decidiu paralizar a expedición de documentos, co obxectivo de preservar a seguridade xurídica do seu alumnado ata que a Delegación do Goberno realice un pronunciamento expreso en relación co acordo adoptado polo Cecop.