O persoal de tenda das distintas marcas do grupo téxtil Inditex desenvolveron este venres concentracións ás portas de diferentes establecementos de Galicia, entre eles varios de Vigo como Zara, Stradivarius ou Bershka, para rexeitar a modificación de horarios “imposto” pola dirección. A medida, que foi denunciada pola CIG diante da Inspección de Traballo, afecta tamén aos traballadores con concreción horaria para o coidado de crianzas, o que “imposibilita” a conciliación da vida laboral e familiar.
As mobilizacións tiveron lugar de 12:00 a 12:30 horas onde se despregaron faixas denunciando a “vulneración” de dereitos laborais e se berraron consignas contra a decisión da empresa de modificar a súa xornada de traballo. Tratouse da primeira das accións que fan parte da campaña de protestas convocada pola CIG despois de que a compañía se negase a retirar a medida e que terá continuidade nos vindeiros días.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na concentración da cidade olívica, explicou que a pesar de que xa se celebraron varias xuntanzas coa empresa o cambio de horarios continúa, xa que a dirección négase a dar marcha atrás na súa decisión.
Lembrou que que Inditex modificou o pasado luns 18 “de xeito unilateral e dun día para outro” os horarios do persoal de tendas en todo o Estado, decisión que incluíu tamén as traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas, o que supón un ataque directo contra o dereito de conciliación da vida laboral e familiar. Fíxoo, segundo a CIG, sen especificar canto tempo ía durar a medida “e coidándose moito de non deixar constancia por escrito para dificultar que as afectadas poidan reclamar”.
En consecuencia, o persoal do grupo propiedade de Amancio Ortega queda sen día libre, límite de tardes e librada de fin de semana, “e nin sequera poderán gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei”. Máis grave consideran a decisión de incluír nesta modificación a todo o persoal que goza de concreción horaria por conciliación da vida laboral e familiar, e que en moitos casos logrou este dereito tras reclamacións xudiciais.
Nada máis ter coñecemento do que estaba a acontecer a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo, que convocou as partes a unha xuntanza na que a empresa fixo fincapé co acordo asinado cos sindicatos estatais e mantivo que actúa “polo ben das traballadoras, supostamente para garantir a súa saúde, cando o que pretenden é aforrar cartos evitando ter que contratar persoal temporal para cubrir baixas e vacacións xa que non respectan nin os descansos do sábado nin cumpren os descansos semanais”. O único que aceptou a empresa, apunta Fernández, foi non modificar as vacacións de verán, que quedarán como até o de agora.
Mais a CIG reclama que o grupo restitúa os horarios normais de todo o persoal unha vez que que Galicia entrou na Fase 2 da desescalada, xa que a intención de Inditex é manter esta medida excepcional mentres dure o estado de alarma. Ao mesmo tempo, esixe que se garantan as medidas de seguridade, incluíndo distintas horas de entrada e saída para evitar que coincida o persoal das distintas quendas.