Impulsar a reactivación do tecido comercial da provincia trala crise sanitaria causada pola Covid19 é o obxectivo da nova aceleradora destinada ao comercio que a Deputación de Pontevedra pon en marcha desde este próximo luns mediante a transformación dixital de pequenas e medianas empresas a través do seu programa de fomento da innovación tecnolóxica empresarial SmartPeme. A institución que preside Carmela Silva vén de seleccionar 10 proxectos dos máis de 20 que se presentaron e que destacan por responder a ideas de negocio novidosas e polo intento de explorar novos nichos e oportunidades.
Trátase de 10 empresas de comercio minorista que foron seleccionadas por ser negocios cun enfoque innovador e que buscan adaptarse rapidamente á “nova normalidade”, utilizando ao máximo os recursos e posibilidades do e-commerce. O perfil das persoas emprendedoras seleccionadas é maioritariamente feminino, pois entre os responsables destas empresas hai 6 mulleres e 4 homes. Entre elas hai dende negocios que comezan, a outros que se reorientan aproveitando as súas potencialidades e singularidades e se reparten por distintas localidades da provincia.
Agora teñen por diante un intenso traballo de titorías e obradoiros nos que se lles guiará no uso de tendas online, pasarelas de pago e venda de produtos con recursos tecnolóxicos. Ata o próximo 30 de setembro recibirán “mentorización”, sesións de titoría con expertos/as en tecnoloxía, competitividade empresarial e imaxe dixital, ademais de actividades de capacitación con obradoiros específicos. Por exemplo recibirán formación sobre axudas e subvencións para o comercio polo miúdo, montaxe de tendas en liña e venda de produtos nas plataformas de Facebook e Instagram. As actividades formativas adaptaranse á situación actual derivada da pandemia de Covid19 e terán formato telemático e/ou presencial en función da evolución das distintas fases da desescalada.
Os proxectos seleccionados
“Tipi Fiestas Galicia” é unha nova empresa de eventos, radicada en Nigrán, que vai facer dos tipis indios e da decoración temática o seu sinal de identidade. Con esta óptica pretende organizar vodas, bautizos e outras cerimonias. Coa axuda de SmartPeme transformará a súa páxina web do formato catálogo á tenda online, de xeito que os clientes poidan contratar directamente o servizo. Ademais axudaráselles a crecer nas redes sociais.
“Foodies and travellers” tenta apoiarse, dende a súa sede en Mos, no turismo gastronómico para promocionar a empresas de alimentación e de bebidas españolas, tanto no mercado español como no estranxeiro. A súa estratexia pasa tamén por agrupar tenda e motor de reserva nun só sitio web. Neste caso estase a crear a plataforma e, ademais, proporcionando asesoramento e formación especializada.
“Blaurtopías” é un proxecto vigués de venda online de obxectos de artesanía como ilustracións, cerámica e serigrafía. Coa axuda de SmartPeme está a mellorar a súa web, integrando directamente a venda. O seguinte paso está a ser dar unha maior visibilidade a todo o proceso de creación para que os potenciais clientes valoren o traballo que hai tras cada peza. Finalmente, estase a dar visibilidade á marca xestionando redes sociais.
“Karina Kova” é unha clínica médico estética creada en 2016 en Pontevedra e que agora busca reorientarse abandonando o apartado médico e centrándose no estético, con especialización en tratamentos faciais e corporais. A aceleradora prestaralle axuda para mellora-lo seu posicionamento local e na creaciónd unha tenda online.
“Broderie” é un proxecto artesanal nacido en Ponteareas e centrado no deseño e creación de produtos destinados aos máis cativos e feitos a man: fadas, bonecas, guirnaldas, camisetas… Estase a traballar coa súa responsable para mellorar a súa web a través da automatización de procesos, posicionamento en Google e lanzamento dunha nova línea de produto a través de Google Ads.
“Tolf”, que é unha tenda de roupa feminina de Pontevedra con marcas exclusivas e deseños especiais nacida en outubro, busca relanzarse despois desta crise sanitaria e o peche polo estado de alarma. Agora trabállase coa súa responsable na creación dunha web, unha tenda online e apoio para a xestión das redes sociais.
“Infusiónate” é un negocio lalinense que apostou pola venda de tes e infusións a granel. A aceleradora de SmartPeme está axudándolle a crear unha web, a posicionarse en Google, xestionar márketing dixital e lanzar unha nova liña de produto.
“Comercial Limeres” e o exemplo máis claro dun negocio tradicional que se reorienta. Dedícase á venda de lámpadas decorativas nunha tenda familiar creada en Pontevedra en 1976. Dispón de clientela fidelizada e non é raro que reciba a xente que busca modelos concretos que viron en redes sociais. Ten a gran vantaxe de dispor dunha ampla gama de produtos. Dende SmartPeme consideran que este sector está pouco explotado no comercio online, polo que hai oportunidades de e-commerce. Detectouse, ademais, que coa súa ficha de Google My Business e Facebook gañou clientela, aínda que boa parte dela non reside na súa área. Finalmente, vaise poñer en marcha un blog.
“SS3 Professional” dedícase dende Mos á comercialización de deterxentes biodegradables e ecolóxicos. Coa crise da Covid19 creou novas liñas de produtos como desinfectantes, xeles hidroalcólicos e máscaras. SmartPeme está axudándoos a dalo paso a e-mail marketing e está axudándolles na automatización e mellora da súa web, así como na xestión das redes sociais.
“Tamerlán” é unha empresa de Vigo dedicada á limpeza e restauración de alfombras a través de procesos tecnolóxicos innovadores. Traballa, fundamentalmente, para tintorerías, pero buscan chegar tamén ao cliente final. Con SmartPeme avanzarán no marketing dixital e a publicidade online, deseño e creación de e-mail marketing para fidelizar potenciais clientes e, finalmente, a mellora da súa web.
O comercio ao por menor representa ao redor dun 13% das empresas da provincia. Ademais, tamén é o máis relevante dentro do proxecto SmartPeme, pois entre as 2.700 empresas asociadas a este programa provincial, un total de 580 están nesta categoría. SmartPeme naceu en 2016 da man da nova Deputación e dende entón despregou unha intensa actividade dirixida ao desenvolvemento das pemes, autónomos/as, profesionais, emprendedores/as e mesmo asociacións empresariais. Dende 2018 A Deputación dispón tamén dunha Aceleradora de proxectos turísticos que se dedica á formación cara a mellora competitiva a través das tecnoloxías da información e as novas tecnoloxías. A rede SmartPeme conta con sete puntos de información e formación situados en Pontevedra, Vigo, Lalín, Barro, O Porriño, Cambados e Ponteareas.