O concurso de debuxo infantil online “O que ves desde a túa xanela”, convocado pola Deputación de Pontevedra nos días do confinamento, xa ten dúas gañadoras e dous gañadores. O xurado do certame, co que a institución animou ás rapazas e rapaces da provincia a debuxar as paisaxes que viron desde as súas fiestras ou balcóns durante o illamento, así como aqueles lugares da provincia aos que lles gustaría volver, elixiu hoxe os traballos vencedores nas tres categorías do concurso. Neste senso, o tribunal destacou a calidade e variedade dos debuxos presentados e que todos “transmitían positivismo, alegría e cor”, feito que fixo moi difícil a elección final, na que se valorou especialmente a orixinalidade e calidade.
Na primeira categoría, de 3 a 6 anos de idade, o gañador foi Carlos Castro García, de seis anos e do concello de Redondela, pola súa obra “A nosa Ría o meu fogar”, na que amosou “a súa creatividade, expresividade e colorido”. O xurado valorou que é un debuxo moi ben executado tendo en conta a súa idade , ao que incorporou diversos elementos característicos das Rías Baixas. Carlos recibirá como premio unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior e poderá participar no xogo “Detectives no Castelo”, en compañía da súa familia.
Na segunda categoría, de 7 a 11 anos, resultou premiada Martina Contreras Lorenzo, de 11 anos e veciña de Vigo, da que o xurado subliñou o nivel de detalle do seu debuxo, no que empregou diversas técnicas (acuarelas e outras), o realismo da perspectiva e o nivel de detalle. O seu premio será unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior coa súa familia.
E, por último, o excelente nivel dos traballos da terceira categoría (de 12 a 14 anos) motivou que o tribunal decidise como máis xusta a selección de dous premiados, que poderán desfrutar xunto á súa familia dunha experiencia pola Ruta do Viño Rías Baixas. Trátase de Manuel Lemos Peixoto, de 13 anos e de Nigrán, que reproduciu con realismo o que ve desde a súa fiestra e do que o xurado destacou “o nivel de detalle, con gran calidade de trazo e proporcionalidade da perspectiva”. E Adriana Eugenio Rivas, tamén de 13 anos e do Concello de Soutomaior, por un debuxo no que amosou a súa destreza na técnica da acuarela. O tribunal subliñou “a beleza dos trazos e o seu realismo”.
O certame “O que ves desde a túa xanela” deu continuidade ao convocado o pasado ano pola Deputación, “Descubre a túa provincia”, unha iniciativa que permitiu que as nenas e nenos participantes amosaran a través das súas obras lugares emblemáticos da nosa contorna e a súa riqueza turística. A novidade foi, amais da temática, que este ano a participación foi online, debido á situación derivada do COVID-19.
Os debuxos gañadores expoñeranse nunha galería na páxina web da institución provincial (www.depo.gal), xunto a outros traballos seleccionados.