A ED Val Miñor-Nigrán vén de transformar o campo municipal de Condomínguez, en Priegue, a través de dous grandes murais da recoñecida artista internacional Lula Goce, quen estivo traballando neles intensivamente as dúas pasadas semanas. A intervención centrouse no exterior dos vestiarios, onde se retrataron ás grandes figuras formadas na ED Val Miñor como os irmás Thiago e Rafinha Alcántara, Rodrigo Moreno e Santi Comesaña e tamén na parede da grada, onde figuran sendas escenas de celebración de nenos da escola de fútbol e, no centro, o retrato do futbolista internacional Jorge Otero e Santi Comesaña, actualmente no Rayo Vallecano, ámbolos dous nativos de Nigrán. Curiosamente, non está Kevin Vázquez, tamén natural da vila e canteirán do equipo.
Esta instalación municipal é a empregada pola ED Val Miñor-Nigrán, quen conta con preto de 600 nenos en 35 equipos federados, entre eles un xuvenil en División de Honra, o que supón recibir aos mellores equipos de todo o noroeste peninsular en Priegue. Trátase do segundo gran mural de Lula no municipio, xa que no 2018 a muralista afincada en Baiona pintou a fachada do CEIP Carlos Casares a petición da propia comunidade educativa.
A iniciativa partiu do club e foi un dos colaboradores da ED Val Miñor-Nigrán quen, de xeito anónimo, tivo a iniciativa de contratar a Goce e sufragar as custas da súa intervención nos vestiarios. A propia nai dos irmáns Alcántara, o pai de Santi Comesaña e Jorge Otero acudiron este martes a Condomínguez a ver o resultado final, quedando todos eles moi satisfeitos (os xogadores en activo non poden asistir por mor das diferentes medidas preventivas ante a Covid-19).
“O máis complicado para min foi pintar a parede exterior dos vestiarios porque ofrece unha visión curta e ten ocos como as xanelas que o dificultan moito. Ademais, foi todo un reto porque eu era a única persoa que non coñecía aos xogadores e tiven que empaparme de imaxes deles para poder facer un retrato certeiro”, explica Lula Goce, quen aclara que a técnica empregada en ambos murais foi pintura acrílica e plástica aplicada con rodillo e pincel e algún toque de spray posterior “para matizar e suavizar”.
No caso dos nenos retratados en sendas escenas de celebración na grada subliña que a intención foi toda a contraria, “neste caso non queríamos identificar a ningún en concreto porque representan a todos os nenos da escola, así que optei por darlle un trazo tipo cómic e, ao ser un espazo máis amplo e con gran perspectiva, funciona”, explica Lula, quen realiza en Condomínguez a súa primeira intervención nun espazo deportivo.
“Somos un club dedicado á formación e, precisamente, queremos reflexar con estes murais que ese é precisamente o noso espírito, traballar con nenos e que sexan felices xogando. Por iso eliximos dúas imaxes dos nosos nenos e as outras son grandes figuras das que estamos moi orgullosos porque, precisamente, pasaron a súa infancia na nosa escola”, sinala Alejandro Villar, director deportivo na ED Val Miñor e adestrador do equipo xuvenil.