Desde o inicio da crisis sanitaria orixinada pola Covid-19 a Deputación de Pontevedra está a organizar o regreso a España do alumnado do programa ‘Erasmus + Practicum Depo’ ante o remate das mobilidades que comezaron a principios de xaneiro, consistentes en prácticas preprofesionais en países da Unión Europea. Deste xeito, alumnas e alumnos procedentes de Italia, Finlandia e Irlanda, inician a volta as súas casas a partir deste mércores 3 de xuño.
Coa finalidade de garantir a seguridade do alumnado ao longo de todo o proceso de volta, a Deputación ten confirmados os voos e medios de transporte para este grupo e está a realizar un seguimento individualizado de cada persoa e itinerario ata a chegada aos seus domicilios na provincia. De feito, ata o vindeiro venres 5 de xuño, regresarán sete alumnos e alumnas que veñen de realizar as súas prácticas en Italia, Irlanda e Finlandia.
Ademais destes casos a Deputación de Pontevedra vén de ser informada de que un dos alumnos quedarase a traballar na empresa coa que estivo facendo prácticas, en Cork (Irlanda), outro foi contratado en Belfast e outra alumna atopou traballo na empresa do Alentejo (Portugal) onde desenvolveu a súa estadía. Por outra banda, tres mozos e unha moza decidiron alargar as súas mobilidades traballando nas empresas ata setembro-outubro. Así, só restan dez alumnas e alumnos por volver á provincia, o que se producirá nas próximas semanas.
Durante a crise sanitaria a entidade provincial estivo a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria do alumnado que estaba en cidades europeas e que solicitou a volta pola crise da Covid-19. A institución provincial mantivo, xunto co Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), contacto diario con cada unha das alumnos e alumnos desprazados, realizando un seguimento persoal e dotándoos de información sobre a evolución da pandemia.