O Museo da Carabela Pinta volve a abrir as súas portas este xoves 4 de xuño, co que Baiona dá un paso máis dentro da nova normalidade imposta pola crise sanitaria da COVID-19. A reapertura deste museo flotante engádese á da Casa da Navegación, hai xa semanas, co que a Concellería de Cultura pon a disposición do público dous dos seus máis importantes elementos histórico-culturais.
A apertura do museo da Carabela Pinta estará marcada por estritas medidas de seguridade sanitaria, como xa é habitual en todas as instalacións que, de xeito paulatino, vai abrindo ao público o Concello de Baiona.
Así, o aforo estará reducido a un máximo de 12 persoas e as rutas a seguir polos e polas visitantes, tanto no peirao coma na propia carabela, estarán debidamente marcadas para manter, na medida do posible, a distancia de seguridade recomendada.
No interior da carabela será obrigatorio o uso de máscara de protección e haberá hidroxel para desinfectar as mans. Asemade, lémbrase a prohibición de tocar as pantallas explicativas e os obxectos do barco. Todas estas recomendacións estarán debidamente expostas ao público en carteis indicadores.
Con todas estas medidas “unidas á responsabilidade individual de cada quen –explica a concelleira de Cultura, Miriam Costas– garántese que se poida gozar dun dos elementos históricos máis demandados polos visitantes”.
Horarios
O Museo da Carabela Pinta abrirá de martes a domingos en horario de mañá e tarde. Así os martes, mércores, xoves e venres poderá visitarse entre as 10:00 e as 11:30 horas e de 12 a 13:30 horas reservándose a media hora para traballos de limpeza e desinfección. Polas tardes, o horario será de 16:00 a 17:30 horas e de 18:00 a 19:30 horas, incluíndo tamén un peche de 30 minutos entre quendas para limpeza.
Os sábados e domingos os horarios serán de 10:30 e as 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 16:30 a 17:30 horas e de 18:00 a 19:30 horas.
Finalmente, Miriam Costas, fixo un chamamento “á colaboración de todos e todas á hora de respectar as normas de visita” que, lembrou, “adóptanse para a seguridade tanto dos e das visitantes como do persoal que traballa nesta dotación cultural”.