O Concello de Vigo abrirá ao público este martes, 9 de xuño, as instalacións exteriores de VigoZoo logo de pasar Galicia á Fase 3 da desescalada pola pandemia do Covid-19. Polo de agora tan só poderá cubrir un terzo de aforo, que é de entre 900 e 1.000 persoas en total.
Así, VigoZoo volverá a ter dispoñibles estas zonas exteriores cunha capacidade máxima aproximada de 300 persoas, aínda que a partir do 15 de xuño xa poderá cubrir o aforo ao 50%. As instalacións contarán con direccións únicas e estarán sinalizadas para os visitantes.
“É unha boa nova, a volta á actividade e á nova normalidade”, sinalou este luns Abel Caballero antes de apuntar que o edificio do Reptilario abrirá o vindeiro luns.