As consecuencias da pandemia da COVID 19 obrigaron a modificar as datas e condicións de realización dos exames da Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU). A de 2020 será unha ‘selectividade’ distinta a todas as demais, unha edición marcada polas esixencias que impón a prevención do coronavirus, entre elas a multiplicación do número de lugares nos que se van celebrar as probas.
Será do 7 ao 9 de xullo e a previsión é que se examinen nas comisións dependentes da Universidade de Vigo 5.500 alumnos e alumnas, o que supón arredor de 1.000 estudantes máis que na anterior convocatoria. Realizarán os seus exames, ademais de nos campus, noutros dez concellos do sur de Galicia, evitando así os desprazamentos masivos e minimizando a necesidade de empregar transporte público.
En Vigo e comarca examinaranse un total de 3.000 estudantes. Na cidade olívica farano arredor de 1.700 mozas e mozos, a metade no campus e a outra metade na cidade. No campus as sedes son a Facultade de Filoloxía e Tradución, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o Pavillón Universitario; mentres que na cidade os estudantes repartiranse entre a EU de Estudos Empresariais (os exames serán neste centro e na sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial) e o IES San Tomé Freixeiro, se ben o alumnado matriculado nesta comisión delegada realizará os exames no pavillón das Travesas.
Outros 1.300 alumnos examinaranse en seis comisións delegadas espalladas por diferentes concellos da comarca: CEIP de Cova Terreña de Baiona para estudantes procedentes deste municipio xunto con Nigrán e Gondomar; IES de Rodeira para o alumnado procedente de Cangas e Moaña; IES Val do Tea de Ponteareas, para o alumnado procedente deste concello, Salvaterra de Miño, A Cañiza e As Neves; IES Pino Manso para o alumnado de Porriño e Mos; IES Mendiño para Redondela e Soutomaior, e IES Indalecio Pérez Tizón para o alumnado de Tui, A Guarda e Tomiño. O máis probable nestes casos será que os exames se realicen nos correspondentes pavillóns municipais, se ben en casos como Ponteareas tamén é posible que se realicen en aulas grandes dos propios institutos.
“Historicamente os exames tiñan lugar nos tres campus universitarios e na comisión de A Rúa. Este ano decidiuse descentralizar algunhas comisións para evitar aglomeracións e traslados”, explica Luis Muñoz, delegado do reitor da Universidade de Vigo na CiUG e actual presidente deste organismo encargado da organización das probas. Para realizar os exames considerouse a utilización de espazos amplos con boa ventilación, onde se poida manter o distanciamento coa flexibilidade necesaria para un número variable de alumnos. Ademais deben ter boa accesibilidade para entrar e saír, preferentemente con mesas e cadeiras individuais. “Estas condicións so se dan en aulas grandes, bibliotecas, comedores e en instalacións como pavillóns polideportivos ou recintos feirais, o que obrigou a pedir a colaboración de centros de ensino non universitario e dos concellos para poder utilizar as instalacións das que dispoñen”, engade Muñoz, ao tempo que fixo fincapé en que cando se dirixiron tanto aos responsables dos centros educativos como dos concellos a acollida foi “excelente” e todos colaboraron dentro das súas posibilidades para establecer a comisión delegada e facilitar o seu funcionamento.
Medidas extraordinarias de seguridade
Ademais das medidas de limpeza e desinfección dos espazos e material establecidas nas normativas publicadas na web da CiUG, estableceuse tamén un protocolo de actuación que indica que os alumnos terán que levar obrigatoriamente máscara de protección e que terán limitado o número de obxectos que poden levar consigo a unha mochila da que non se poderán separar. “Ademais, estarán moito máis espazados que en condicións normais en mesas etiquetadas para seren usadas unicamente por cada alumno e que quedarán baleiras se dito alumno non ten que facer o exame”, explica Muñoz.
En espazos grandes o alumnado sectorizarase mediante corredores e deseñaranse para cada sector vías específicas de entrada e saída. Por outra banda, tamén se modificou o calendario de exames para que os catro exames da fase común se fagan ao principio do primeiro e segundo día e so teñan que volver a facer exames no resto do día aqueles que teñen que examinarse de materias da fase específica. “A idea xeral coa que estamos a traballar é que, na medida do posible, o alumnado chegue, faga o exame e volva ao seu domicilio sen entrar en contacto con ninguén”, explica o delegado da CiUG, quen tamén recalca que os presidentes e secretarios das comisións delegadas entenderon perfectamente o extraordinario da situación e fixeron un esforzo adicional para organizar todo o relativo ás súas sedes e lugares de exames xa que hai que custodiar todos o material, procesar os exames unha vez feitos, manter as medidas hixiénicas e de seguridade, etc.