O prazo de presentación de ofertas para adquirir algún dos 26 vehículos do parque móbil municipal do Porriño que se retiraron no outono pasado e que saen agora á venda, mediante poxa, remata este venres 19 de xuño. Desde que o Concello anunciou a súa posta á venda, cincuenta persoas interesadas realizaron visitas de recoñecemento dos coches, organizadas pola Policía Local e con cita previa.
Todas elas acudiron as instalacións do Multiusos de Torneiros, onde están almacenados os 26 vehículos, durante dous días da pasada semana. O que suscitou maior interese foi unha furgoneta Ford Transit que empregaba a brigada de Parques e Xardíns. Matriculada en 2003, ten 326.000 quilómetros e un prezo de saída de 2.300 euros.
Entre os automóbiles que formaban parte do parque móbil municipal, cunha antigüidade media de 20 anos, figuran un Volvo 580 matriculado en 2002, que sairá cun prezo de partida de 2.200 euros.
Ademais, hai diversas furgonetas C-15, Citroën Berlingo e Peugeot Partner con 23, 25 e 27 anos de uso, respectivamente. Tamén pódense comprar vehículos da Policía Local que xa estaban fora de uso, como un Land Rover Freelander, un Nissan Almera ou un Peugeot 607 de 2.900 centímetros cúbicos matriculado hai 17 anos.
O vehículo que sae cun prezo de partida máis alto é un Ssangyong Action valorado en 5.800 euros. Os coches vellos foron retirados o 8 de outubro de 2019, data na que se entregaron os 25 novos que se incorporaron ao parque móbil municipal mediante unha operación de aluguer.