O Concello de Tui deu a coñecer este xoves o anteproxecto de recuperación do Teatro Principal da vila. O acto, que tivo lugar na aula CeMIT da Área Panorámica, fíxose coincidir coa conmemoración da celebración dos Primeiros Xogos Florais de Galicia que se desenvoleron neste teatro o 24 de xuño de 1891. Foi daquela o primeiro acto público celebrado integramente en galego.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, comezou dando as grazas ao arquitecto César Portela por aceptar o encargo de realizar este anteproxecto, que “é o primeiro paso a dar cara á rehabilitación deste edificio tan emblemático da nosa cidade”. Lembrou o rexedor que en 1980 César Portela recibira o encargo de redactar un proxecto para rehabilitar este edificio por parte da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo.
Cabaleiro apuntou que non ten cabida nestes momentos o debate sobre a súa reforma ou non, e lamentaba a situación de ruína na que se atopa o edificio en pleno corazón do conxunto histórico. A recuperación do Teatro Principal suporá un investimento de case 3 millóns de euros, polo que explicaba o alcalde que “o Concello de Tui por si só non dispón da capacidade financeira para asumir esta rehabilitación”. De aí que estea previsto iniciar contactos coas administracións provincial, autonómica e estatal para acadar os fondos precisos. O Concello si poderá asumir aquelas actuacións máis urxentes coma o desentullo ou o realización de catas para coñecer a situación do terreo.
O arquitecto César Portela comezou a súa intervención lembrando que coñeceu o Teatro Principal de Tui de neno, cando viña ata Tui dende Pontevedra co seu pai, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, para asistir aos actos que aquí se celebraban. Xa coma arquitecto recibiu a encomenda do proxecto de rehabilitación nos anos 80, e agora volve atoparse con este histórico edificio. Debido aos cambios na normativa, tivo que revisar e adaptar o anteproxecto e incorporou coma novidade unha cafetería-miradoiro sobre o Miño. Explicaba que o anteproxecto presentado dá resposta as necesidades de teatro, cine ou usos múltiples tendo en conta a súa situación e a súa historia.
Ao longo de tres andares -soto, primeiro andar e segundo andar- configúrase a distribución do edificio. Conserva o teatro con capacidade para 200 persoas entre o patio de butacas e dúas plateas, adaptado as condicións actuais. Tanto na primeira coma na segunda planta irán salas de usos múltiples, algunha delas coa posibilidade de ser dividida segundo as necesidades. Recolle o deseño de César Portela unha galería con vistas ao río na fachada posterior, accesible tanto dende a cafetería coma dende as salas de usos múltiples. Un lucernario permitirá dar luz natural a todos os andares.
O proxecto inclúe tamén a reforma da Praza de Fromista, creando un conxunto praza-teatro-miradoiro chamado a converterse nun dos lugares destacados da vila.