As consecuencias económicas da pandemia en Vigo teñen unha dimensión moi concreta, que se percibe no forte aumento nas peticións de axuda rexistradas no Concello por familias que ata o de agora non precisaban recorrer ás administracións públicas. O Goberno local afrontou con recursos propios a acción destinada a abordar os efectos da crise sanitaria, o que supuxo por exemplo unha dedicación de 1,1 millóns de euros a case 9.000 axudas de emerxencia e a concesión de 2.601 bolsas de comedor a nenas e nenos da cidade.
No caso das tarxetas de alimentación, aumentou un 25% a demanda con 900 solicitudes novas ata un total de 5.000 concedidas nestes momentos.
En canto aos programas destinados a persoas maiores: a axuda a domicilio ten atendido durante a emerxencia sanitaria a 286 familias e son 1.200 as usuarias do programa específico de axuda na casa para actividades da vida cotiá, mentres a teleasistencia se viu reforzada coa atención a 788 persoas.
A través do servizo de comida a domicilio entregáronse unha media de 630 menús diarios elaborados polo albergue municipal e polos comedores sociais da Casa de la Caridad-Hogar San José e de Misioneras do Silencio. O programa ‘Xantar na casa’ rexistrou 80 novas altas de urxencia para persoas maiores que viven soas, o que supón un incremento de case o 50%, e atende a 200 persoas en total.
No acompañamento telefónico a persoas en soidade, en colaboración coa Fundación Grandes Amigos, trabállase con 105 persoas das que 28 reciben apoio extra por súa vulnerabilidade e 77 están en seguimento con familiares. No Programa ‘Cultiva a mente’, posto en marcha coa Asociación de Familiares de Alzheimer (Afaga), o Concello facilitou 15 tabletas para que as persoas maiores traballen a distancia cos profesionais na prevención do deterioro cognitivo.
No caso das accións destinadas a persoas sen fogar, o goberno municipal abriu o Pavillón do Berbés, aloxou persoas en 5 hoteis para a emerxencia amais do albergue municipal e o de Santa Cruz. Amais, habilitouse un centro de illamento para positivos con 16 habitacións.
O programa socio-educativo de apoio á infancia e familia conta cun equipo de 24 profesionais que interviñeron ata o día de hoxe con 179 familias en case 1000 actuacións realizando 406 xestións de apoio. Os menores recibiron do Concello reforzo educativo de xeito continuado que agora se verá ampliado tamén con clases nos meses de xullo e agosto.
O plan de igualdade social e dixital permitiu a entrega de 400 ordenadores con conexións a Internet para favorecer o seguimento da docencia online ao alumnado e o equipo para asesoramento e información sobre o Ingreso Mínimo Vital ten atendido xa preto de 5.000 solicitudes.