O servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) vén de publicar un protocolo diagnóstico e terapéutico da Síndrome de Desfiladeiro Torácico. Trátase dun manual médico que establece todas as características máis prevalentes que permitan un algoritmo diagnóstico para identificar esta síndrome, de moi difícil detección. Ata o momento, os protocolos publicados sobre esta patoloxía na literatura científica son pouco específicos, polo que se agarda que este libro se convirta nun referente.
O libro, editado coa colaboración do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), foi escrito conxuntamente polo xefe do servizo de Rehabilitación, Javier Juan, e os rehabilitadores Jacobo Formigo e Lucia Rodríguez.
Segundo explica a doutora Rodríguez, “esta síndrome está pouco estudada, hai escasa literatura científica e a existente é moi dispersa e desactualizada, polo que é moi difícil realizar un diagnóstico certeiro. Por iso decidimos compilar nun manual aqueles datos que permitan chegar a un diagnóstico así como un resumo e actualización da evidencia clínica con respecto ás diferentes terapias”.
Difícil diagnóstico pero curable
A Síndrome de Desfiladeiro Torácico é unha afectación do paquete vascular ou nervioso entre as rexións cervical e torácica, a nivel da axila, que pode afectar ao nervio, arteria ou vea. Segundo a zoa afectada presenta diferentes síntomas que frecuentemente se poden confundir con outro tipo de patoloxía do ombreiro ou da columna, que cursan de xeito similar.
“O obxectivo deste manual é ampliar coñecementos sobre unha patoloxía que ás veces pasa desapercibida non solo en Rehabilitación, senón tamén noutras especialidades como Traumatoloxía, Reumatoloxía, Cirurxía Vascular ou en Atención Primaria. O principal problema é o difícil diagnóstico, que se realiza por descarte doutras patoloxías, xa que non hai unha proba de imaxe especifica que ofreza unha absoluta fiabilidade”, explica a especialista.
O servizo de Rehabilitación do Chuvi diagnostica cinco síndromes anuais. A sintomatoloxía referida é de moita dor, e tamén pode presentar cambios de coloración ou temperatura no brazo.
Soe afectar a persoas que exercitan moito o brazo, ben levando cargas ou realizando unha serie de actividade repetidas co brazo en alto. Por isto, os afectados por esta patoloxía adoitan ser pacientes que se dedican á construción, a limpeza de cristais ou xogadores de voleibol. Ás veces, tamén pode aparecer tras un accidente de tráfico, ou naquelas persoas que presentan unha variante anatómica e que teñen costelas cervicais (unha costela extra na zoa cervical).
Con todo, unha vez o paciente está diagnosticado, pode tratarse e curarse. Existen dous opcións terapéuticas: a conservadora, baseada no exercicio e, nalgúns casos, en infiltracións ou outros tratamentos farmacolóxicos; e a opción cirúrxica, para aqueles casos máis severos. A intervención é realizada polos servizos de cirurxía vascular ou torácica, e consiste en diferentes técnicas de descompresión dependendo da localización e do grao da comprensión. Unha vez efectuada, a taxa de recorrencia é moi baixa.
Expectación
Aínda que o libro recolle todo o relativo ao síndrome -diagnóstico, exploración, probas e opcións terapéuticas- é un manual pequeno, de 44 páxinas. “A finalidade este libro é que sexa de utilidade para os clínicos, unha referencia actualizada desta síndrome. De aí o seu fácil manexo e a súa estrutura sinxela, para que resulte claro e didáctico“ .
Polo de agora, esta publicación está sendo distribuída nos servizos de rehabilitación galegos, aínda que ante a expectativa que está xerando, estase estudando a posibilidade de editar unha nova tirada co obxecto de que sexa distribuída a nivel nacional.