A Corporación Municipal designará oficialmente aos Vigueses Distinguidos deste 2020 nun pleno extraordinario que se celebrará este venres 10 de xullo. A data da gala de entrega está aínda sen pechar. Aínda que nun primeiro momento se anunciou que se celebraría este mesmo mes, Abel Caballero preferiu adiar a cerimonia para non facela coincidir con periodos electorais. Agora todo apunta a que terá lugar en setembro, unha vez “transcorrido o verán”.
O alcalde de Vigo lembrou este martes que a proposta para Medalla da Cidade será para o colectivo de sanitarios, en recoñecemento de todo Vigo a súa labor durante a pandemia do Covid-19. Ademais, xa están anunciados os recoñecementos a Julio Picatoste, maxistrado xubilado; á xornalista do corazón Carlota Corredera; a Iván Álvarez, policía nacional ferido nos disturbios de Cataluña, ao Club Peña Trevinca, que cumpre o seu 75 aniversario; a Alejandro Gómez, atleta; á ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e aos corpos da Policía Nacional, Local, Autónómica, Garda Civil e Protección Civil pola súa labor durante a crise sanitaria.
A este listado súmase un importante número de centros educativos que cumpren 50 o máis anos, como son o Colexio Saladino Cortizo, o Ceip Santa Mariña, Ceip Valle Inclán, Ceip Sello, Sárdoma Moledo, Ceip Paraixal, Ceip Javier Sensat, Ceip Igrexa Candeán, Ceip A Paz Tintureira, Ceip Emilia Pardo Bazán, Colexio San Fermín, Colexio Atalaya Cantrabria, Colexio Possumus, IES Ricardo Mella, IES Teis, IES Santo Tomé de Freixeiro, IES Valentín Paz Andrade (más de 50) e IES Castelao.