Xa se atopa instalada na rotonda de Peinador a escultura homenaxe á emigración mosense. Así o anunciaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, quen declararon “que Mos está en débeda cos seus emigrantes e con esta escultura rendémoslles a homenaxe que merecen a todos e todas eles, en especial aos que marcharon para a Arxentina, que foi a parte máis importante”, e informaron de que “esta homenaxe hai que agradecerlla á Escola de Cantería de Pontevedra, que nos fixo a doazón desta escultura que foi solicitada polo Concello de Mos á Deputación Provincial”.
Os representantes municipais explicaron así mesmo que a intención era celebrar a colocación desta escultura homenaxe cun acto público, pero non foi posible debido ás novas circunstancias derivadas da crise sanitaria do COVID-19.
Hai unhas semanas que comezaban os traballos para a instalación na rotonda de Peinador do conxunto escultórico homenaxe á emigración doado ao Concello de Mos pola Escola de Cantería de Pontevedra. Arévalo e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron un convenio para a doazón das esculturas tras ser solicitadas polo Concello á administración provincial.
Con esta obra homenaxe á emigración que loce xa en Peinador dáse cumprimento así a promesa contraída cos emigrantes mosenses en Bos Aires de facerlles unha merecida homenaxe escultórica en pedra no seu municipio de orixe.
Este monumento á emigración está composto de dúas pezas escultóricas e está moi vencellado á historia e á realidade do Concello. Por unha banda, históricamente pola abundante emigración á Arxentina que se viviu entre a poboación mosense dende comezos do século pasado e, por outra, porque está situada nunha glorieta ao carón do aeroporto de Peinador, sendo estas terminais os grandes centros neurálxicos das migracións poboacionais contemporáneas.
Este monumento está integrado por dúas pezas escultóricas: ‘Home de pé co seu fillo’ e ‘Maleta’ da Escola de Cantería de Pontevedra.