O Concello da Guarda vén de presentar unha aplicación móbil dirixida ao sector da hostalaría e restauración para crear cartas dixitais. Esta ferramenta gratuíta foi deseñada para dar apoio ao sector ante as novas medidas obrigatorias para a prevención do risco da Covid-19.
Esta app facilita a dixitalización de cartas cun funcionamento simple e mediante poucos pasos, xerando un código QR para poder ver a carta ofertada nos establecementos. Ademais, pode ser actualizada segundo lle conveña ao local e permitirá que os establecementos estean localizables nun mapa interactivo.
A aplicación xestiónase a través da web https://qr.aguarda.es/gl. O primeiro paso é darse de alta como establecemento e despois de cumprimentar os datos poderase deseñar a información que estará dispoñible en función da oferta do local: carta, menú do día, menú fora de carta e carta de viños.
Esta información poderá actualizarse en cada momento dun xeito automático e polo xestor do local. Por exemplo, se durante a fin de semana non se ofrece o menú do día tan só hai que desactivar esa opción.