Un total de 100 denuncias en catro horas por non usar máscaras de protección foi o balance do operativo despregado este mércores pola Policía Local do Porriño en todas as entradas e saídas por estrada do termo municipal.
No transcurso do operativo, realizado entre as 16.00 e as 20.00 horas, os axentes pararon e revisaron vehículos particulares, camións, furgonetas de reparto e ata autobuses de transporte de viaxeiros e de liñas regulares.
A falla máis habitual foi que varias persoas compartían vehículo sen facer uso das máscaras sen ser familiares ou convivintes. Cada denuncia dá lugar a unha proposta de sanción económica por persoa que tramitará a autoridade competente.
Durante as semanas anteriores, a Policía Local do Porriño estivo realizando un labor “pedagóxico” avisando aos cidadáns da obriga de levar posta a máscara. A Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure volve a instar á veciñanza a que “sexan conscientes da gravidade da situación e que o uso obrigatorio das máscaras de protección e observar as medidas de distancia é polo ben de todos”.