Seis furtivos foron identificados nas últimas horas na praia redondelana de Arealonga con marisco e aparellos agochados en diferentes lugares. Según informou o Concello de Redondela, o departamento de Medio Ambiente e a Policía Local levaron a cabo operacións de control e identificación de persoas por marisqueo ilegal no areal de Chapela. «Dentro das actividades de control medio ambiental no medio natural do concello de Redondela, a Concellaría de Medio Ambiente ven de implantar o control e vixilancia periódico das actividades que realizan usuarios e furtivos nos bancos marisqueiros que se encontran nas praias do municipio», asegura o Concello nun comunicado de prensa.
Nestas dúas primeiras operacións programadas logrouse identificar a seis infractores, incautar un angazo e bolsas con marisco que estaban agochadas debaixo de táboas, pedras ou algas. O marisco incautado foi devolto o mar polos axentes e membros do departamento de medio ambiente que realizaron o seguimento da actuación. O departamento de medio ambiente procederá a apertura de expediente as persoas identificadas e «estudará a imposición de medidas disciplinarias que lle permitan as competencias e legalidade vixente sobres este tipo de infraccións».
«Este tipo de actividades poñen en perigo a saúde pública pois parte do marisco retirado polos furtivos acaba no mercado negro en grandes cantidades sen ningún tipo de control de tamaño e sanitario, que no caso de Arealonga o marisco precisa ser depurado para o seu consumo», asegura o Concello. Engade tamén que os usuarios que o retiran para o autoconsumo «poñen en risco a súa propia saúde e de familiares» e que este tipo de actividades que se realizan fora da legalidade «están prexudicando á estabilidade económica das traballadoras do mar que día a día se esforzan para ter un sustento no litoral de Redondela».
«Estas actuacións atenden o compromiso adquirido polo Concello coa Confraría de Pescadores e o colectivo de mariscadoras nunha xuntanza mantida no mes de xullo na que participaron representantes das entidades, o responsable de zona da Policía Autonómica, o xefe da Policía Local a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de medio ambiente, Roberto Villar», apunta o Concello no comunicado.