Os traballos de construcción dun novo parque biosaludable entre as avenidas de Castrelos e Fragoso comezarán en dez días, segundo anunciou este venres o alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa.
O primeiro edil vigués avanzou que o próximo 31 de agosto arrancarán no parque de Eugenio Arbones os traballos de construción do sexaxésimo noveno parque biosaludable da cidade. Abel Caballero recordou que no 2007, á súa chegada á Alcaldía, Vigo só contaba cun único espazo destas características.
O orzamento municipal para o novo parque roza os 18.000 euros e a obra prolongarase por un prazo estimado de dous meses. Eugenio Arbones localízase entre as avenidas de Castrelos e Fragoso, un pouco máis abaixo do pavillón das Travesas, á altura das rúas Pastora e Caleira.
A actuación, informou o alcalde, contempla a escavación e movemento de terras para acondicionar o terreo, unha nova entrada á area e a instalación de sete elementos: equipos de cintura, hóckey, elíptica, remo, volantes e timón, pedais e barras. O Concello proxecta dotar ao recinto de bancos e solo de xabre.
Abel Caballero considerou cuberta a demanda de biosaudables cos case setenta parques dos que disporá Vigo, mais animou á cidadanía a propoñer ao goberno que preside posibles emprazamentos onde construílos: “A xente maior que crea que hai algún sitio onde é necesario un parque de maiores, que nolo digan. Eu son receptivo á idea”.