Serán once exposicións previstas, as actividades especiais -como o Día Mundial dos Museos ou o aniversario do MARCO-, a acción do centro de documentación con notable presencia de moitos historiadores, ademáis da cooperación con concertos ou festivais, cos que tamén colabora o Concello, como ALT 15, Imaxina Sons, Festival Sinsal ou Vertixe Vigo, entre outros.
O alcalde, Abel Caballero, «felicitou» este xoves ao MARCO por ser quen de abrir o «seu propio espazo museístico moderno en toda España e Europa» nun breve período de tempo, dado que este museo empezou a funcionar hai trece anos. Acompañado do director, Iñaqui Martínez Antelo, Caballero participou na rolda de prensa de presentación da programación de exposicións e actividades do MARCO para 2015.
Durante a súa intervención, Caballero enfatizou o mérito desta proposta cultural tendo en conta «que o MARCO está a soportar unha enorme presión polo abandono de varias administracións públicas». En concreto, referiuse á Deputación, quen deixou de abonar a súa achega en 2012, á Xunta que recortou a súa aportación de 300.000 euros en 2010 a 100.000 en 2014 ou, ao Ministerio de Cultura que o pasado ano achegou 48.000 euros fronte aos 108.000 de 2012. Na opinión do rexedor, esta diminución, á que hai que sumar outras como os 300.000 euros da antiga Caixanova, supón un «recorte sen precedentes en ningún museo de España». Neste punto, lembrou que a práctica totalidade do orzamento do MARCO procede do Concello, augurando, en todo caso, «longa vida» a esta dotación cultural.