A asociación cultural Lazoiro vén de denunciar que o uso de maquinaria pesada xunto ao Castelo de Santiago Aitona, en Salvaterra de Miño, destruíu parte desta fortaleza declarada Ben de Interese Cultural (BIC). Os seus integrantes tiveron coñecemento estes días da realización de obras de grande afectación como movemento de terras, talas de árbores e levantamento dun muro de grandes dimensións, que causaron estes destrozos.
O Castelo de Santiago Aitona é unha fortificación abaluartada realizada en terra e situada no lugar do Casal, nun estado de “abandono por parte da administración e sen ningún tipo de sinalización”, segundo Lazoiro.
Esta asociación leva anos solicitando a súa sinalización e mesmo formalizou hai uns meses unha queixa perante Patrimonio, que “fixo caso omiso das nosas advertencias”.
Por iso, Lazoiro lamenta unha vez máis que a Xunta de Galicia e o Concello de Salvaterra non cuiden o Castelo de Santiago Aitona, que podería ser usado para fomentar o turismo e poñer en valor do patrimonio da zona.