Os chimpíns comezarán a moverse en Cans ás 19.00 horas deste xoves. Será xusto antes da proxección de ‘A illa das mentiras’, a longametraxe galega da directora galega Paula Cons. A proxección será o evento de inauguración oficial do XVII Festival de Cans -19.30 horas, no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño-. Os chimpíns farán esta primeira procesión só de xeito honorífico para o equipo do filme e con catro persoas en cada un dos vehículos.
O debut como directora de ficción de Paula Cons estivo presente no Festival de Shanghai e acaba de coñecerse este semana que tamén estará presente na sección Made in Spain do Festival de San Sebastián. A longametraxe conta a historia de tres mulleres que axudaron ás vítimas do naufraxio do vapor Santa Isabel fronte á illa de Sálvora en 1921. As tres protagonistas do filme, Nerea Barros, Victoria Teijeiro e Ana Oca, acompañarán á directora Paula Cons e manterán un encontro co público, así como parte do elenco do filme.
Antes do evento inaugural, terá lugar ás 17.00 horas, tamén no Círculo Recreativo Cultural, a proxeción de ‘Arima’ de Jaione Camborda, que presentará o filme e manterá un encontro co público, xunto coa actriz Melania Cruz, protagonista da cinta. ‘Arima’ conta a historia de catro mulleres e dunha nena que ven as súas vidas alteradas pola chegada inesperada de dous forasteiros, sempre coa persoal mirada da autora do filme, a vasca afincada en Galicia Jaione Camborda.
Dáse a circunstancia de que esta semana coñeceuse que estes dous filmes que abrirán o Festival de Cans formarán parte tamén da sección Made in Spain do Festival de San Sebastián, o cal disparou as peticións de entradas, pero todo o aforo xa está cuberto desde hai varios días.
Coloquios AISGE con Benedicta Sánchez e Amador Arias
Este xoves tamén participarán no festival os protagonistas do laureado filme de Óliver Laxe, ‘O que arde’. Benedicta Sánchez e Amador Arias conversarán en Cans sobre a experiencia vital e artística que supuxo para eles participar na película. A interpretación de ambos levounos á obtención de importantes premios nacionais e internacional. Estarán nos Encontros AISGE –ás 12.30 horas, no Baixo de Carlos, con todas as entradas reservadas xa na preinscrición previa-.
Este coloquio, como todos os demais do Festival de Cans 2020, poderá seguirse por en directo dende a canle de Youtube do certame. Con esta aposta pola transmisión en vivo, a organización do Festival achega este contidos de interese nunha edición marcada pola obriga da redución de aforo.
Os Encontros AISGE serán a segunda das citas dunha xornada que comeza coa Mesa Proxecta sobre a interrelación entre festivais e territorio. Participarán nesta mesa redonda Luis Sousa Ferreira, programador de Ílhavo (Portugal) e fundador do Festival Bons Soms, un dos grandes eventos de Portugal e a belga June Laka, que dirixe o Festival CineBus. Os dous estarán en Cans grazas ó apoio das axudas de Acción Cultural Española, ACE, e acompañados por Ángel Sánchez, director do Festival Play-Doc de Tui e Presidente de Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. Será ás 10,30 horas no Baixo de Moncho.
LendoCine
A sección Lendocine achega este ano as voces do profesor da USC e presidente da Fundación Neira Vilas Fernando Redondo Neira, a produtora e realizadora Manane Rodríguez co director Xabier Bermúdez, a escritora Iria Misa, o poeta, músico e director de cine Antón Reixa e o humorista e actor Farruco Bernal.
Lendocine preséntalle ao público do certame libros recentemente publicados nos que o cine é protagonista ou escenario, ofrecendo así unha panorámica do que se está a editar dentro e fóra de Galicia. Os convidados presentarán os seus libros. E disertarán sobre os puntos de encontro entre cine e escritura.
Noite Lasal dos Clips e Babykatze
A segunda xornada do Festival de Cans 2020 remata coa proxección dos videoclips a competición no certame. Chega a Noite Lasal dos Clips -21.30 horas, na trasiera do Centro Cultural do Porriño-. Preséntanse un total de 15 traballos.
Logo do concurso de clips, a artista viguesa Babykatze estreará no Festival o seu vídeo Pantera, do realizador Jairo Moreno. E entón Babyatze ofrecerá un concerto no que vencellará imaxe e música para crear un personaxe etéreo e sorprendente, cunha mensaxe de carácter universal.