A Asociación Veciñal de Teis denunciou a “paralización” que sofre a Vía Verde, coas obras en punto morto desde hai un ano e sen data no horizonte para retomalas. Os veciños do barrio dan por feito que a ano 2020 rematará sen cambios. “As obras do proxecto da Vía Verde comezaron o 14 de febreiro de 2019 e anunciábase que a obra estaría rematada nun prazo máximo de seis meses, a realidade que só se executou un tramo de 400 metros inaugurado a comezos de agosto de 2019”, lembran.
A directiva da asociación dirixiuse por escrito á Concellería de Fomento en varias ocasións ao longo de 2019 e en xuño de 2020 solicitando a mellora do proxecto e unha reunión pero non obtiveron resposta. Tamén solicitou que, xa que non se van comezar os traballos, se roce a vexetación nos terreos da Vía Verde, pois xa é “abundante” en moitos tramos e hai moitas vivendas próximas.
Neste sentido, cómpre recordar que a empresa adxudicataria da construción da Vía Verde renunciou a ela hai varios meses e o Concello de Vigo tivo que sacar de novo a concurso o contrato, trámite que estaba preto de completarse en marzo, antes da declaración do estado de alarma. Desde entón, non houbo novidades ao respecto.
Os veciños de Teis, canda a súa denuncia, lanzaron unha serie de propostas para mellorar o proxecto. Propostas que xa trasladaron ao Goberno local, sen obter contestación. Entre elas, atópase a ampliación do paso inferior da Xorxa, a reparación do paso elevado sobre a vía que comunica co camiño da Trapa, un aceso peonil que permita comunicar a rúa párroco Don Serafín e a avenida de Galicia a través da Vía Verde ou a conexión da vía co lavadoiro da avenida de Galicia e co río Pugariño.