O Academic Ranking of World Universities (ARWU) ou ránking de Shanghai do ano 2020, publicado hoxe, confirma o retorno da Universidade de Vigo entre as 600 mellores universidades do mundo, do total de 1000 institucións de educación superior, que avalía a clasificación elaborada pola organización independente Shanghai Ranking Consultancy. Logo de situarse o ano pasado no tramo 601-700, a UVigo recupera posicións neste 2020, retornando ao grupo no que se atopan as universidades clasificadas no tramo 501-600, no que xa aparecera nos anos 2017 e 2018. «É unha satisfacción comprobar que os esforzos dos investigadores da UVigo volven a nos posicionar entre as mellores 600 universidades do mundo», asegura o reitor Manuel Reigosa, que «responsabiliza» desta recuperación ao esforzo da comunidade universitaria, ao tempo que lembra que «desde o punto de vista institucional, a UVigo sempre apostou por incentivar a investigación e por primar os criterios de calidade das publicacións. Agora estamos a continuar nesa liña, pero incluíndo un grande impulso nos programas de captación e de retención de talento». Neste sentido, Reigosa destaca «o éxito» da institución por ser quen nos anos 2018 e 2019 de atraer novos científicos e científicas altamente citados (HCR), como Maurizio Battino. Francesca Giampieri e Bruno Mezzetti.
Precisamente, as e os investigadores altamente citados (HiCi) é un dos indicadores que avalía o ránking de Shanghai, que completa os seus criterios de clasificación co persoal docente (Award) e alumni gañadores de premios Nobel e medallas Fields (Alumni); os artigos de resultados de investigación publicados en Nature e Science (N&S); artigos indexados en Science Citation Index-Expanded e Social Science Citation Index (PUB) e o rendemento académico per cápita das institucións (PCP). «O ranking de Shanghai é unha referencia de primeira orde. En primeiro lugar porque é independente, en segundo lugar porque é obxectivo e ten criterios claros, coñecidos e estables e en terceiro lugar, porque ten a consideración en todo o mundo, sendo probablemente a principal referencia», argumenta o reitor.
Nunha edición do ránking na que as universidades de Harvard, Stanford e Cambridge encabezan a clasificación, a UVigo comparte o tramo 501-600 coas universidades españolas Politécnica de Madrid, Navarra, Illes Balears e Rovira i Virgill, situándose como a decimo sétima institución académica española do total de 40 universidades nacionais que figuran nesta edición do ránking. Respecto do ano pasado, a UVigo, ademais de ascender do tramo 601-700 ao 501-600, sube no global das institucións académicas españolas, que encabezan a Universitat de Barcelona, a Autónoma de Barcelona e a Complutense de Madrid, situándose no posto 14, empatada coas universidades antes citadas. En 2019, a UVigo quedara no tramo 18-21 das universidades españolas, xunto a Cantabria, Córdoba e Salamanca.
Cumprindo a folla de ruta para ser quen de retornar entre as 500 mellores
A mellora experimentada na posición da UVigo no ránking de Shanghai 2020 respecto do anterior, ademais de «amosar a vitalidade da institución e a súa aposta polo esforzo, mérito e capacidade», axuda, segundo o reitor a visibilizar a todos os niveis o seu posicionamento. «Isto pode redundar en moitas vantaxes, influíndo na captación de alumnado internacional ou facilitando a atracción de investigadores de alto nivel, o que redundará de novo en melloras institucionais. Asemade, pode repercutir nun mellor posicionamento para o traballo de transferencia e a colaboración coas empresas da contorna, que é un obxectivo fundamental do noso traballo como institución», asegura Reigosa.
Co gallo da publicación do ránking, o reitor lembra que no seu discurso de toma de posesión apuntara como obxectivo chegar a estar de novo entre as mellores 500 universidades do mundo, un fito que a UVigo acadara consecutivamente nos anos 2011 e 2012. «Ata o de agora, imos cumprindo a folla de ruta, pero isto non garante que sexamos quen de chegar a esas posicións tan cedo coma me gustaría. O resto das universidades tamén incorporan melloras e a competición é totalmente aberta. En resumo: penso que debemos ter como obxectivo chegar a esas posicións de privilexio, sabendo que o importante non é o ránking, senón o traballo de calidade que se fai», sinala Manuel Reigosa.
Valoración dos datos do primeiro prazo de matrícula do curso 20-21
A publicación hoxe do ránking de Shanghai coincide practicamente no tempo coa dos datos do primeiro prazo de matrícula dos graos con límite de prazas para o curso 2020-2021, que no caso da UVigo revelan que ata de agora se cubriron 2234 prazas das 3665 ofertadas, o que representa unha porcentaxe de ocupación do 61%, que no caso da USC se sitúa nun 64 e no da UDC nun 52%.
Cara un curso que estará, tamén no ámbito universitario, marcado pola covid-19, así como polos cambios que se fixeron nas probas da ABAU, o reitor da UVigo avanza que «o ano pasado despois do primeiro chamamento tiñamos peores datos globais, tanto en valores absolutos, como en posición relativa con respecto ás outras universidades galegas, pero hai que ter en conta que hai un número moito maior de alumnado polos cambios na selectividade». A pesares de que a nivel estatal se preconizaba un descenso importante no número de estudantes matriculados en grao e mestrado, o reitor apunta que «polos datos que barallamos, parece que na UVigo imos resistir o tirón», unha circunstancia que Reigosa achaca, por unha banda a que as taxas en Galicia seguen a ser das máis baixas do Estado, así como a que haxa estudantes que prefiran quedar na comunidade e non arriscar a moverse a outras. «Pero penso que tamén os alumnos teñen claro que a Universidade de Vigo, a pesares das dificultades, fixo unha acertada aposta pola docencia non presencial cando foi preciso. Ademais, a UVigo no seu conxunto vai a facer o esforzo de maximizar, con prudencia, a docencia presencial neste curso e desde logo, estamos preparados para os distintos escenarios previsibles en canto á pandemia e se chegara o peche de centros, seguiríamos impartindo a docencia con certa ‘normalidade’, explica o reitor, que tamén lembra que a UVigo convocou cara o vindeiro curso novas bolsas para alumnado que teña membros da familia afectados por ERTEs ou EREs, co obxectivo de que «ninguén deixe de estudar na universidade por unha dificultade económica», sinala Reigosa.