O novo tramo do paseo do Lagares, entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid, que leva anos en proxecto e que saíu a exposición pública en abril de 2019, será finalmente licitado a finais deste ano. Así o asegurou este venres o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que tamén informou do inminente inicio das expropiacións necesarias para acometer as obras.
O expediente para facerse coas 96 fincas afectadas, en zonas limítrofes co río, recibirá luz verde definitiva o vindeiro martes. A Xerencia de Urbanismo aprobará o proxecto de expropiación por taxación conxunta, que conta cun orzamento de 430.000 euros.
Este novo tramo estenderase ao longo de 3,2 quilómetros. O obxectivo é dar continuidade ás sendas que na actualidade acompañan o curso do Lagares e que se rehabilitarán no seu conxunto neste mandato político.
O orzamento total ascende a case 800.000 euros e a zona afectada é de 3.261 metros lineais, o que supón o 18,4% dos 17,7 quilómetros do río. O proxecto incorpora un estudo ambiental de todo o trazado, coa plantación de 140 árbores de gran porte (carballos e freixos), ademais da recuperación da biodiversidade das marxes e espazos fluviais.