O programa medioambiental Camiño a Camiño propón para a vindeira fin de semana (26 e 27 de setembro) dúas rutas, unha polos sendeiros de Zamáns e outra polos da parroquia de San Miguel de Oia. Estes paseos interpretativos promovidos polo Concello de Vigo permitirán coñecer en primeiro lugar, o sábado, a senda etnoarqueolóxica que pasa polos muíños de Zamáns e bordea o encoro, para logo subir ao monte e atopar a fervenza da Freixa, así como bonitas panorámicas do Galiñeiro.
A andaina comezará ás 17.00 horas. Os interesados deberán achegarse polos seus propios medios ata o parque forestal, que será o punto de encontro. É obrigatorio o uso de máscara de protección. O percorrido curto constará dunha extensión de 6,5 quilómetros e unha pendente media do 6,5%. O itinerario longo terá un quilómetro máis e unha pendente media do 7%.
Ao rematar a actividade, en torno ás 19.30 horas, a banda do C.C.A.R. de Valladares e a A.C. Traspés brindarán unha actuación aos asistentes.
Ao día seguinte, o domingo, as persoas participantes circularán polo medio de diversas plantacións en Oia ata coroar os montes nos límites con Nigrán e cos montes de Saiáns. Polo camiño veranse algunhas panorámicas interesantes da ría, se o tempo acompaña. Tamén é obrigatorio o uso de máscara e, do mesmo xeito, haberá dous niveis de dificultade para que sexa accesible a todo tipo de público.
O punto de encontro estará situado no Parque Forestal de San Miguel de Oia. A saída está programada para as 10.00 horas. O percorrido curto ascenderá a 5,2 quilómetros de extensión e contará cunha pendente media do 9%. A variante longa terá 6,5 quilómetros de extensión e unha pendente media do 8,1%.
Nesta ocasión, serán a A.C.F. O Fiadeiro e a S.C.D.R. Helios de Bembrive quen aporten a nota musical e festiva ao rematar a andaina.
Inscricións
As inscrición xa se poden formalizar a través do teléfono 986 810 260. As persoas empadroadas en Vigo poden anotarse de luns a mércores e o resto durante o xoves previo á actividade. Cada ruta esta limitada a 100 persoas.
Cada participante pode apuntarse a un único paseo por fin de semana, aínda que pode solicitar estar na lista de agarda do outro por se o houbese prazas dispoñibles.