A Deputación de Pontevedra e a Subdelegación do Goberno coordinan desde este mércores o reparto de preto de 100.000 máscaras procedentes do Goberno central. A entrega efectuarase nos municipios con menos de 20.000 habitantes. As cabezas visibles de ambas institucións mantiveron este martes unha reunión virtual para ultimar os detalles dos envíos. Nese encontro coincidiron ao poñer en valor a importancia do traballo conxunto, da cogobernanza e da suma de sinerxías entre as administracións para facer fronte á pandemia.
Non se trata da primeira vez que ambas institucións traballan en colaboración e, por iso, a presidenta provincial agradeceu a confianza depositada polo Goberno de España a través da Subdelegación para poder achegar este material sanitario aos concellos: “Hai moita xente con dificultades para poder ter máscaras. Estou moi preocupada polas familias vulnerables, xa que para elas dispor de máscaras é un custo enorme. Por iso agradezo a sensibilidade do Goberno de España, que tamén me gustaría da Xunta de Galicia”, indicou.
A Deputación de Pontevedra fará entrega de 1.000 unidades entre os concellos da provincia con poboación de menos de 3.000 habitantes, 1.500 unidades entre os que teñan entre 2.000 e 5.000 habitantes, 2.000 máscaras naqueles con entre 5.000 e 10.000 habitantes, 2.500 entre os que teñan entre 10.000 e 15.000 e 3.000 unidades aos concellos con poboación comprendida entre as 15.000 e 20.000 persoas.
Pola súa banda a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, asegurou que “ao igual que as veces anteriores sabemos, recoñecemos e agradecemos a eficacia e eficiencia da Deputación para facer chegar estes envíos aos concellos”. Larriba destacou a importancia da suma de sinerxías e do traballo conxunto entre administracións xa que “hoxe, máis que nunca, todas e todos temos que estar unidas e unidos porque, como di o presidente do Goberno, esta é unha loita epidemiolóxica e non ideolóxica”.
O obxectivo deste novo reparto é apoiar ás entidades locais e familias, coincidindo coa inauguración do curso escolar, entregando máscaras para que sexan empregadas por aqueles colectivos máis vulnerables dos concellos, xunto a persoas operarias de limpeza e residuos sólidos, traballadoras e traballadores sociais e policías locais. O material que repartirá a Deputación de Pontevedra forma parte dos 15 millóns de máscaras que está a distribuír o Goberno de España a través da FEMP.