Cómpre retroceder 15 anos para atopar uns datos de novo ingreso en titulacións de grao na Universidade de Vigo que superen a cifra de 3.804 matriculados que a día de hoxe se rexistra neste curso 2020-2021. Cando aínda restan tres chamamentos máis para a pechar a matrícula, as prazas de novo ingreso cubertas nos 60 títulos de grao, que este curso oferta a UVigo, superan en 149 as prazas ofertadas, 3.655 sen incluír as do Centro Universitario da Defensa, o que representa unha taxa de ocupación do 103,79%. Por campus, este curso 20-21 as prazas cubertas en Vigo son 2061; en Ourense 986 e en Pontevedra 757, o que se traduce nunhas taxas de ocupación do 102%, 107% e 106%, respectivamente.
Fronte ás estimacións que prevían unha caída na matrícula, tanto dos graos (ata un 7%) coma nos mestrados (ata un 30%), “aquí ocorreu exactamente o contrario, é dicir, temos datos de matrícula que non se vían pasados 15 anos. Habería que remontarse a cando aínda tiñamos alumnos do ‘baby boom’, con moita máis xente en Galicia que puidera acceder a títulos universitarios en primeira matrícula, e o que temos é un éxito extraordinario, que creo que hai que louvar a moita xente”, dixo o reitor este mércores na presentación a medios dos datos provisionais.
Para Reigosa este incremento na matrícula de novo ingreso nas titulacións de grao ten varias explicacións, dunha banda, a situación de incerteza derivada da covid-19 que levaría ao alumnado que pensaba en marchar a estudar fóra a quedar na casa, e doutra, “temos un factor diferencial porque as cousas se fixeron, sen presumir, se fixeron ben durante o pasado curso, no que resolvemos sobre a marcha unha situación de paso abrupto dende a normalidade con presencialidade total, ata unha situación en liña que se fixo ben. Polo tanto eu creo que hai moita xente que confía na Universidade de Vigo e o éxito está aí”. A estes factores, o reitor engadiu un terceiro que é que a programación deseñada para este curso aposta pola máxima presencialidade, con titulacións impartidas integramente nesta modalidade, agás que haxa algún problema, en cuxo caso as alternativas xa están previstas. “Este é un compromiso co noso alumnado e eu entendo que a xente está satisfeita e tranquila. A xente pode confiar na Universidade de Vigo para desenvolver a súa carreira mesmo en tempo de covid”, destacou Reigosa, para quen os datos rexistrados evidencian unha realidade: “que o alumnado galego apostou pola Universidade de Vigo”.
As cifras polo miúdo
A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini foi a encargada de debullar os datos de novo ingreso e globais en titulacións de grao e tamén en mestrado, incidindo en ambos casos na súa provisionalidade, dado que, tanto nun caso, coma noutro, aínda quedan prazos de matrícula abertos. Tras lembrar que este curso a UVigo ofertou 3655 prazas de novo ingreso en 60 titulacións de grao, Caparrini confirmou que á espera da matrícula do alumnado da convocatoria extraordinaria de setembro da ABAU, o número de prazas cubertas é de 3804, que se traduce nunha taxa de ocupación do 103,79% , fronte ao 98,2% do 19-20, ou o 97,4% do 18-19.
No que se refire aos datos globais de persoas matriculadas en todos os cursos de todas as titulacións de grao que oferta este curso 20-21 a UVigo, a cifra acada as 16.257, das que 9006 corresponden ao campus de Vigo (55%); 4122 a Ourense (25%) e 3129 (19%) a Pontevedra. Esta cifra global de 16.257, que no curso pasado se situou en 16.409, aínda non inclúe as matrículas da convocatoria extraordinaria da ABAU, nin as correspondentes ao Centro Universitario da Defensa, nin as do Programa de maiores, “polo que se pode falar dun dato moi positivo para este curso 20-21”, explicou Caparrini.
En canto aos datos de novo ingreso en titulacións de máster, a UVigo ofrece este curso 59 títulos e un total de 1811 prazas. No período de preinscrición rexistráronse 3953 solicitudes, o que representa unha taxa de ocupación do 224% e xa no primeiro prazo de matrícula o número de prazas ocupadas é de 1283 e a taxa acada o 70,8%, “datos moi positivos tendo en conta que son provisionais e que aínda queda o segundo prazo e o extraordinario”, dixo a vicerreitora. Do total de prazas ocupadas, 748 (66%) corresponde ao campus de Vigo; 252 a Ourense (74%) e 247 (90%) a Pontevedra.
No curso pasado (19-20) matriculáronse en todas as titulacións que se impartían na UVigo, agás no Programa de maiores 20.129 persoas.
Titulacións con prazas vacantes e novos prazos de matrícula
Na rolda de prensa, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado Manuel Ramos foi o encargado de detallar as titulacións nas que a oferta de prazas aínda está aberta ás persoas que realizaron as probas ABAU no mes de setembro. Neste sentido subliñou que no campus de Ourense se ofertan 35 prazas en Enxeñaría Agraria e 15 en Turismo; no de Pontevedra 15 en Dirección e Xestión Pública e outras tantas en Enxeñaría Forestal e, no caso do campus de Vigo, a dispoñibilidade é de 35 prazas en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios; 15 en Enxeñaría da Enerxía; 25 en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, cinco delas en inglés; 50 en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos; 15 no grupo de inglés de Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais; 15 tamén en Tradución e Interpretación (Galego-Inglés) e outras tantas para a titulación de Administración e Dirección de Empresas no centro adscrito de IESIDE.
En canto aos prazos de matrícula que quedan pendentes Manuel Ramos explicou que con respecto ao alumnado de primeiro que se matricula por primeira vez nun grao “se abrirán tres prazos ao longo do mes de outubro: o primeiro será os días 7 e 8 e o último do 17 ao 20, data na que se dará por rematado o proceso de matriculación do novo alumnado de grao”. En canto aos mestrados haberá un terceiro prazo de preinscrición e matrícula naquelas titulacións nas que aínda queden prazas e rematará este proceso o 16 de outubro. No caso dos programas de doutoramento a matrícula realizarase entre o 1 e o 7 de outubro e, de quedar prazas vacantes, abriríase unha nova convocatoria no vindeiro mes de febreiro.