O Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Comerciantes da vila (ACISA) veñen de lanzar o programa ‘Noites na Rúa’, que cada primeiro fin de semana de mes vai acoller diversas actividades culturais e descontos nos establecementos participantes e nos locais de hostalaría. O obxectivo é o de dinamizar o comercio local nestes momentos complexos tras os meses de confinamento e restricións derivadas da pandemia da Covid-19.
Un total de 25 establecementos participan na iniciativa, 16 comercios de diversos sectores que ofrecerán descontos do 25% e permanecerán abertos ata as 22:00 horas nos días de actividade, e nove locais de hostalaría que ofrecerán “pincho máis consumición” dende 2 euros. A programación complétase nesta primeira fin de semana con animación infantil polas rúas na tarde do venres 2 de outubro e co concerto de El Patio o sábado 3 ás 21:00 horas na Praza do Concello. Ademais, haberá reparto de flocos de millo gratuítos a tódalas crianzas que queiran achegarse.
Deste xeito, comercio, hostalaría e Concello queren ir da man nun momento complexo para o pequeno comercio, fomentando o consumo no pobo e atraendo ao mesmo tempo a posible clientela que poida achegarse dende outros municipios.
Esta iniciativa únese a outras accións de apoio ao sector comercial dende o inicio da pandemia, como foi a bonificación de diferentes taxas durante os meses do confinamento ou a recente instrución aprobada en Xunta de Goberno que lles permite aos locais de ocio nocturno contar cun permiso provisional de bar para que poidan exercer esta actividade mentres dure o peche do ocio nocturno, que no caso de Salceda afecta a seis establecementos.
Verónica Tourón, concelleira de Comercio, agradeceu especialmente a colaboración de ACISA non só nesta actividade senón ao longo de todo o ano: “As noites na rúa tiveron que irse adiando por mor da Covid pero agora estamos en condicións de ofrecer este programa con seguridade para a veciñanza, e aplicando tódolos protocolos precisos neste momento. Temos a sorte de que o comercio de Salceda resistiu ben a esta crise, polo que actividades coma esta seguirán a fomentar o consumo no noso pobo”.
Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, agradeceu o traballo realizado pola Concellería en apoio ao sector do comercio local, lembrando que “é a hora de devolverlle ao comercio todo o que nos deu nos momentos do confinamento, en que estiveron á nosa disposición para o que fomos precisando, e ademais facémolo poñendo en valor dous sectores dos máis castigados pola pandemia: a cultura e o pequeno comercio”.