O persoal da Universidade de Vigo iniciou este xoves a recollida dos tubos para a realización dos test masivos PCR sobre saliva. Desde hoxe e ata o vindeiro luns, en horario de mañá e tarde, serán algo máis de 2800 as persoas que recollerán estes kits, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de contratos de investigación (de predoutoramento, con financiamento de Xunta de Galicia ou do Estado, etc.).
A entrega da mostra de saliva farase exclusivamente o martes día 6, en horario de mañá e tarde nas conserxerías dos centros. Para isto no exterior das conserxerías habilitarase unha mesa onde se colocarán as gradillas para tubos de ensaio e cada persoa que realice a proba depositará o tubo directamente nesa gradilla. O seu posterior procesamento levarase a cabo empregando o innovador test masivo PCR sobre a saliva baseado no sistema pooling desenvolvido na Fundación Biomédica Galicia Sur e no Hospital Álvaro Cunqueiro coa colaboración de Jacobo Porteiro, investigador da Escola de Enxeñería Industrial e do Cintecx.
Cada mostra leva un código de identificación persoal QR
Nun correo electrónico enviado individualmente a cada traballador dende a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, explícase de xeito detallado todo o proceso que debe seguirse para a recollida das mostras, incluíndo un vídeo aclarativo. O proceso comeza coa toma da mostra a primeira hora da mañá antes do almorzo o propio martes, non debendo inxerir previamente ningún produto (pasta de dentes, colutorio…) antes da súa realización e, unha vez tomada a mostra e previo á entrega para o seu procesamento, deberá rexistrarse o código de barras do tubo na aplicación web poolingvigo.com.
Para o proceso de rexistro enviaráselle a cada unha das persoas que realice as probas un código de identificación persoal QR mediante un correo electrónico, sms e ligazón na Secretaría Virtual. Este procedemento permite cargar automaticamente o QR persoal na aplicación poolingvigo.com para simplificar o proceso. Despois, unha vez aberta a aplicación, escanarase ou fotografarase o código de barras do tubo e a persoa, simplemente, terá que premer aceptar. A previsión é que o correo coa ligazón se envíe o vindeiro luns a través de correo electrónico, de sms ao móbil e o enlace mostrarase na Secretaría Online.
Tras esta avaliación inicial realizaranse 200 PCR aleatorias por semana
Tras esta avaliación inicial de todo o persoal universitario, o equipo de goberno ten previsto levar a cabo un seguimento periódico que se prolongará durante todo o curso e no que en todo momento se seguirán as recomendacións das autoridades sanitarias. A idea é realizar un total de 200 PCR aleatorias por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado. Neste sentido, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, ten reiterado en diferentes ocasións que serán probas “moi flexibles” que se adaptarán á situación sanitaria que haxa en cada momento. “Se ben en principio son test aleatorios poderán concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar e, nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro”, subliñou Míguez nunha rolda de prensa celebrada a comezos do mes de setembro e na que se deu conta das diferentes medidas adoptadas pola Universidade ante a actual situación sanitaria.