Con motivo da celebración este domingo 4 de outubro do Día Mundial dos Animais, a Deputación de Pontevedra lanzou hoxe unha nova campaña de concienciación para fomentar a súa defensa e protección, denunciar o abandono e o maltrato e promover as adopcións. Esta iniciativa on line está centrada nos cans e cadelas do Centro de Acollida e Protección (CAAN) e anima á cidadanía a compartir mensaxes na web institucional e nas redes sociais corporativas en defensa e protección dos animais.
Un audiovisual, diferentes creatividades e unha galería mostran aos cans e cadelas que están no centro esperando unha oportunidade de atopar un fogar, amais de mensaxes de familias que adoptaron en Caan e que contan a súa experiencia. “É un vídeo –explicou a presidenta provincial Carmela Silva– enmarcado na nosa liña de fomentar as adopcións e insistir nos chamamentos a esa lacra que nos embrutece como sociedade que son os abandonos. Chamamos á cidadanía a que comparta estas mensaxes nas súas redes e se una a nós nesta campaña”.
A presidenta lembrou o firme compromiso da institución coa defensa dos animais, “en consonancia cos obxectivos dunha provincia sostible e respectuosa coa natureza e coas especies que a habitan” e destacou que a campaña se suma deste xeito á chamada de atención que fai cada ano a Organización Mundial de Protección Animal para contribuír á súa conservación e á difusión de iniciativas para crear unha nova cultura de respecto. Neste senso, subliñou que o compromiso da Deputación “vai ser cada día máis unha prioridade, porque a perda da biodiversidade está esnaquizando o noso planeta, por mais que haxa negacionistas que non o queiran ver e que non tomen decisións para que poidamos cambiar a forma de relacionarnos co planeta. Nesta pandemia démonos conta que eramos bastante menos poderosos do que criamos: somos moi vulnerables”.
Ao fío desta xornada, Carmela Silva destacou as boas novas sobre adopcións que leva acadadas este ano o CAAN da Deputación. Así, a pesares do parón de dous meses que supuxo o confinamento, ata o 1 de outubro xa son 411 os cans e cadelas que atoparon un novo fogar, 12 deles en Portugal. A presidenta incidiu en que con estes datos, “non hai dúbida que imos superar o récord anual de adopcións que acadamos o pasado 2019, con 466”. “O noso obxectivo-agregou- é chegar aos 500 animais adoptados e cremos que imos acadar esta cifra. Estes datos supoñen una media de 1,4 adopcións diarias, polo tanto, está claro que as campañas funcionan porque está habendo moita concienciación”.
Das 399 adopcións acadadas en España, 369 corresponden a fogares galegos, mentres que o resto dos animais viaxaron a Castela León (12), Asturias (5), Cataluña (4), Madrid (3), País Vasco (3), Andalucía (2). En Galicia a maior parte das adopcións, foron na provincia de Pontevedra, cun total de 293, seguidas por Lugo (53), A Coruña (21) e Ourense (2). E dentro da provincia, a cidade de Pontevedra ten o maior número de adopcións (34); seguida de Vigo (30), A Estrada (18), Cambados (17), Meis (16), Sanxenxo (16) e Marín (13).
A outra cara da moeda, como subliñou a presidenta, está nos abandonos. “É algo intolerable, fala moi mal de quen abandona e temos que sinalar á xente que abandona os animais”, afirmou. Ata outubro, o persoal do CAAN recolleu 894 animais, aínda que nesta cifra tamén están cans perdidos que son devoltos ás súas familias e que neste caso foron 421. ”O ano pasado –lembrou a presidenta- as recollidas foron 1.332 e deste xeito parece que no 2020 vai haber máis adopcións e vai haber menos abandonos. É unha boa noticia pero temos que chegar ao abandono cero”.
Carmela Silva citou o tráxico caso da recollida realizada esta semana de dez cachorros en Ponteareas, que foran arroxados nunha caixa a un colector. Cando chegou o persoal do CAAN, catro destes cachorros estaban mortos e o resto faleceu de camiño ao centro. “Tiñan apenas horas de vida –dixo-. E isto non se pode tolerar, pero hai que contar estas cousas para que a xente tome conciencia. Así que neste Día Mundial dos Animais eu animo ás persoas a que se pase polo CAAN, a que adopten can e cadelas e que nos poñamos fronte aos abandonos, os denunciemos e sinalemos á xente que abandona aos animais e que fai estas cousas de deixalos tirados a un colector para que morran”.
O CAAN presta servizo a 50 concellos da provincia, despois das adhesións de Ponteareas e O Porriño. Hai que lembrar que as adopcións no centro son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.