A popular serie ‘Black Mirror’ converteuse en noticia en varias ocasións por ver como se facían realidade as súas ideas, teoricamente ficticias e propias dun futuro distópico ou irreal. Este mércores en Vigo puido comprobarse como é posible que un robot-can poida transitar pola rúa e subir escaleiras sen dificultade. Trátase de Spot, o robot cuadrúpedo máis avanzado do mundo que lembra inevitablemente ao capítulo ‘Metalhead’, da cuarta temporada da serie de Netflix.
Por sorte, o seu cometido é ben diferente e está enfocado a facer máis doada a vida das persoas, e sempre ao seu servizo. Así se puido constatar este mércores na Universidade de Vigo co gallo das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI). Eduardo Gómez, director xeral da empresa Alisys (partner oficial da importante firma Boston Dynamics), desenvolveu unha demostración na que Spot amosou as súas habilidades, como ser capaz de avanzar en terreos accidentados, baixar e subir escaleiras, evitar obstáculos, abrir portas ou mesmo remolcar vehículos entre varias unidades.
Leva incorporada unha cámara e varios sensores, polo que pode ser utilizado en obras complexas ou con recunchos de difícil acceso. Ademais, é quen de transportar obxectos de ata 15 quilos de peso e correr a unha velocidade de 1,6 metros por segundo. O robot, sen ir máis lonxe, foi empregado durante esta pandemia en Singapur para vixiar nas rúas o cumprimento das distancias de seguridade.
As JAI vanse celebrar en Vigo entre o 26 e o 30 de outubro. Tras barallar a posibilidade dun aprazamento a 2021, a organización optou por un formato totalmente virtual, ao que participantes e poñentes poderán acceder a través do Remote Congress de Teltek. Deste xeito, segundo José Ignacio Armesto, director das xornadas, “aínda que o evento perde frescura, no que a interacción entre as persoas se refire, gaña en que temos máis contidos e non quedamos restrinxidos a un espazo concreto como foi a cidade de Vigo en edicións anteriores”.
Coa participación confirmada de máis empresas que en 2018, preto dunha trintena, 75 poñentes e máis de 40 horas de conferencias, a primeira edición dixital das xornadas introduce como unha das súas novidades a celebración de varias mesas redondas na que destacados relatores e relatoras abordarán cuestións relacionadas coa automatización, a ciberseguridade ou a dixitalización no sector alimentario.
Tras explicar que a raíz da cancelación doutros eventos do ámbito da automatización, as Digital JAI “gañaron status” dentro do sector, o director do evento detallou algúns aspectos novidosos desta primeira edición das xornadas, como o feito de que as empresas participantes disporán de postos dixitais, que serán xemelgos virtuais dos da última edición o evento. “Neses stands as empresas terán interaccións dixitais con documentos PDF, enlaces a vídeos, o programa de actividades e tamén poderán celebrar seminarios web en paralelo, pero en horarios diferentes, ás conferencias plenarias”, explica o director da Digital JAI e profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da UVigo.
Se nas máis de 40 horas de sesións técnicas de media hora de duración, os fabricantes poderán presentar as principais novidades nos seus desenvolvementos, en colaboración con AER Automation e ISA Sección Española, as Digital JAI acollerán catro mesas redondas nas que concorrerán destacados representantes da industria, tanto do ámbito da tecnoloxía industrial, como usuarios finais. Nestas sesións, o foco centrarase en cuestións como a robótica, a automatización na industria da alimentación ou a ciberseguridade.
Organizadas polo Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática; a Escola de Enxeñaría Industrial e a Universidade de Vigo, as I Xornadas Dixitais sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial contan entre os seus socios con Beckhoff, Bonfiglioli, Bosch Rexroth, B&R, Delta, Endress+Hauser, Festo, HMS Networks, HP, IFM, Kepware (Logitek), KUKA Robots Ibérica y Lapp, OnRobot, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell Automation, SAS, Schneider Electric, Sick, Siemens, Universal Robots, WEG, Weidmüller, Yamaha e Yaskawa.