O Bloque Nacionalista Galego asegura que o espazo xuvenil ‘Vigosónico’, de titularidade municipal, leva fechado máis de sete meses e non hai unha data prevista para a súa reapertura. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que o espazo fora pechado no inicio do confinamento pero que a día de hoxe inda non reiniciou a súa actividade por causa de ter en suspenso, desde o pasado 2 de xuño, o proceso de contratación do seu servizo de xestión.
Nun comunicado emitido polo BNG, Igrexas lembrou que ‘Vigosónico’ naceu en marzo de 2011 como emblema da política xuvenil que o BNG quixo poñer en marcha na nosa cidade, como resultado do esforzo daquela da concellaría e mais da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta, naquela altura ambas as dúas baixo dirección nacionalista.
«As instalacións de Vigosónico atendían a máis de 80 grupos e bandas musicais viguesas, que facían uso dos seus locais de ensaio, dos espazos de gravación ou das actividades de formación músical, con cursos, obradoiros e master class. Máis de 500 mozas e mozos visitaban cada semana as súas dependencias, onde se desenvolvían tamén actividades de lecer alternativo», explicou o portavoz municipal nacionalista.
Desde o Bloque inscriben a situación de Vigosónico dentro da «nula política xuvenil» do actual Goberno municipal. «O único que fixo o Goberno de Caballero para a mocidade viguesa foi botar o peche ao programa Súbete ó Castro, facer desaparecer os Castroconcertos, clausurar o Punto Xove e deixar a Casa da Xuventude sen apenas servizos. E agora, paralizar a única instalación que prestaba servizo á xente moza da cidade», resumíu Igrexas.
Esta cuestión xa motivou unha interpelación da fronte nacionalista nas Comisión Informativa de Xuventude o pasado 23 de setembro, sen ter recibido inda resposta do Goberno municipal de cando se vai reanudar a actividade en Vigosónico.