Lula Goce, internacionalmente recoñecida polos seus espectaculares murais, vén de rematar en Panxón a súa maior obra na comarca do Val Miñor. A artista de Baiona comezou este verán a obra sobre un muro de algo máis de 200 metros cadrados de superficie situado na subida da rúa Gondomar (ao carón do cemiterio, pavillón e escola infantil Dunas). Aínda que Nigrán xa conta con intervencións súas na fachada do CEIP Carlos Casares ou a recente no Campo Municipal de Condomínguez esta é a súa maior obra e a única a pé de rúa.
Unha vez máis, como é característico na súa obra, as imaxes de crianzas e natureza mesturaranse nun trazo hiperrealista para trasladar á cidadanía unha mensaxe de respecto pola diversidade e amor polo noso medio e as orixes de cada un de nos. “Cada un de nos é único, ese é o noso tesouro, e aprender a coñecernos e respectarnos entre nos é unha das cousas mais marabillosas da vida”, explica Lula, quen deseñou ‘ex profeso’ este mural tendo en conta a súa situación. “Ten unha mensaxe educativa porque está ao carón dunha escola infantil, e tamén ten un significado de ciclo da vida porque está pegado ao cemiterio”, engade.
Así, nel retrata cinco rostros de nenos e nenas onde destaca a súa diversidade étnica e cultural e rodeados de vexetación, tema reiterado na súa obra. “O feito de ser un mural totalmente horizontal e con dúas pezas o complicou moito o deseño e o traballo”, admite Lula, quen empregou como técnicas a pintura plástica e o spray.
Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un mestrado de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola de Dóaa, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.